No Servizo de Atención Diúrna Terapéutica (SADT) proporcionamos atención integral e especializada ás persoas con dano cerebral adquirido en fase crónica ou de estabilización.
O noso centro de día ten 40 prazas autorizadas pola Xunta de Galicia e a idade mínima para asistir a este servizo é de 16 anos. Funciona de luns a venres entre as 9:30 da mañá e as 17:30 e ten servizo de comedor. Este horario permite ás familias continuar nesas horas cos labores cotiás como é traballar, estudar, atender á familia, etc.
No día a día fomentamos a mellora e o mantemento das capacidades das persoas usuarias e promovemos a súa autonomía persoal, tanto funcional coma psicosocial.
Unha persoa con dano cerebral pode ter, en distintos graos, secuelas motoras, sensorias, cognitivas, afectivo/emocionais, condutuais, etc. Por iso cada persoa usuaria ten un plan de atención individualizado (PAI) que establece o equipo de profesionais tras facer unha valoración integral e no que fixan obxectivos específicos.
Cada persoa usuaria ten unha titora/titor que é a persoa de referencia no servizo e responsable do seu seguimento. O plan de atención é valorado e revisado continuamente.
Neste servizo traballan psicólogas-neuropsicólogas, educadoras sociais, fisioterapeutas, terapeutas ocupacionais, logopedas, traballadoras sociais e auxiliares de clínica. Como equipo interdisciplinar, todas as especialidades coordínanse en función do plan de atención individualizado de cada persoa.
Esa coordinación amplíase ao ámbito da familia que en todo momento é informada pola titora/titor dos aspectos referidos á estancia do seu familiar no servizo, da súa evolución e das medidas que se recomendan desenvolver no fogar.
No SADT, ademais da atención que se fai ás familias de forma transversal en toda a entidade, faise un Plan de Atención Individualizado para o/a coidador/a principal da persoa con dano cerebral no que, tras analizar as súas necesidades principais como persoa coidadora, faise unha proposta conxunta duns obxectivos de cara a mellora da súa situación vital.
Durante a xornada as persoas usuarias realizan diferentes actividades. Estas realízanse en grupo ou en sesións individuais e están pensadas con criterios terapéuticos que buscan desenvolver e/ou manter as súas habilidades. Algunhas das actividades que as persoas usuarias realizan no servizo son as seguintes: