Este servizo está prestado por Dano Cerebral Galicia co obxectivo de informar e aconsellar ás persoas con dano cerebral adquirido e ás súas familias nas dúbidas de carácter legal e xurídico que poidan ter en relación a calquera tema derivado da situación relacionada coa irrupción da discapacidade en toda a súa complexidade de aspectos. A persoa colaboradora para a prestación do servizo é o avogado Miguel Vieito Villar.

Na web de  Dano Cerebral Galicia podes acceder a toda a información deste servizo.

Que tipo de consulta podo facer?

As accións comprendidas estrutúranse nos seguintes eixos:

1. Consultas para o exercicio de dereitos e cuestións legais relativas a:

  • Medidas de apoio á capacidade xurídica das persoas con discapacidade: asesoramento sobre curatela, garda de feito e apoderamentos preventivos etc.
  • Incapacitación xudicial do anterior sistema: asesoramento en todos os trámites vencellados á revisión de sentenzas de tutelas ou patrias potestades prorrogadas ou rehabilitadas para a súa adaptación ao novo sistema de apoio á capacidade xurídica.
  • Patrimonio protexido: información sobre os trámites de constitución, requisito e tramitación.
  • Procedementos sucesorios: planificación e trámite de herdanzas e pactos sucesorios (mellora e apartamento); tanto na súa vertente tributaria como civil.
  • Dereitos sanitarios: reclamacións por danos en saúde e/ou actuación fronte a negación de servizos.
  • Mediación e mecanismos de solución alternativa de conflitos, incluídos aqueles en ámbito familiar, como a arbitraxe.
  • Reclamacións en relación ao Recoñecemento de Dependencia e/ou Discapacidade.
  • Propiedade horizontal e accesibilidade como por exemplo conflitos que se dan no contexto das comunidades de propietarios ou perante outras instancias que non garantan a accesibilidade nos termos que recolle a lei.

2. Situacións de discriminación e vulneración de dereitos: primeira orientación e acompañamento ante casos de discriminación ou trato desigual que sufran as persoas con dano cerebral, por razón da súa discapacidade, as súas familias ou as entidades integrantes de FEGADACE.

3. Casos de violencia: asesoramento legal e acompañamento ante situacións de abuso ou malos tratos sufridos por persoas con dano cerebral adquirido, facendo unha especial atención á violencia de xénero.

Cal é o alcance do servizo?

A orientación xurídica ofrecida mediante este servizo alcanza unicamente a un primeiro consello e recomendacións de actuación á persoa que solicitaron o apoio, unha vez examinados os supostos de feito denunciados ou postos en coñecemento da entidade. FEGADACE non asume en ningún caso a asistencia xurídica directa e continua pero si poderá orientar cara recursos públicos e privados existentes que poidan prestar unha axuda máis intensa (asesorías xurídicas de organismos públicos e de entidades da discapacidade, servizos de orientación dos Colexios de Avogados, quenda de oficio, órganos xurisdicionais e oficinas do Ministerio Fiscal, órganos de supervisión e fiscalización como o Consello Nacional da Discapacidade, etc.).

Como se solicitan as consultas?

Existen dúas posibilidades:

1. Prioritariamente, o acceso ao servizo realizarase a través das traballadoras sociais de Sarela de referencia das persoas con dano cerebral adquirido e a súa familia.

2. Por escrito a través da Ficha de Consultas individuais (descarga aquí ou accede ao formulario online). Para calquera das dúas modalidades, o correo de contacto é legal@fegadace.org. Unha vez recibida a consulta, FEGADACE contactará o antes posible coas persoas para recoller toda a información e documentación necesaria sobre a situación demandada, para poder dar unha resposta áxil e acorde á necesidade.

Cal é o seu custo?

Trátase dun servizo gratuíto e confidencial, financiado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, a través de diferentes fontes de financiamento así como con cargo a recursos propios de FEGADACE.

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información