O Dano Cerebral Adquirido (DCA) é a lesión que se produce nas estruturas cerebrais de forma súbita en persoas que, nacendo sen ningún tipo de dano no cerebro, sofren unha lesión nun momento posterior da súa vida.
Cando falamos de Dano Cerebral é fundamental diferenciar as causas que o provocan e as secuelas, que se presentan con diferente intensidade e en distinta medida en función da persoa.
Ictus. É a primeira causa e pode ser isquémico (falta de irrigación sanguínea debido á interrupción súbita e inmediata do fluxo do sangue) ou hemorráxico (rotura dun vaso sanguíneo encefálico debido a unha suba da tensión ou a un aneurisma conxénito).
Traumatismo cranioencefálico causado por accidente de tráfico, laboral, deportivo, agresións etc.
Tumor cerebral
Enfermidade metabólica
Enfermidade infecciosa como por exemplo a meninxite.
Anoxia. É a falta de osíxeno no cerebro como consecuencia por exemplo dun afogamento, parada cardiorespiratoria, presión arterial extremadamente baixa, intoxicación etc.
As secuelas do dano cerebral adquirido son diferentes e heteroxéneas, e xeran distintos tipos e niveis de discapacidade segundo a persoa e a lesión. Co DCA non falamos de discapacidade física, psíquica ou sensorial pois poden presentarse en diferentes graos segundo a persoa.
Estas secuelas podémolas clasificar, entre outras, en:
Motoras
Sensoriais
Cognitivas
Afectivo / Emocionais
Condutuais / Alteración do comportamento
No seguinte vídeo, elaborado por FEGADACE (Federación Galega de Dano Cerebral), persoas con DCA e familiares explican as diversas secuelas nas que se manifesta esta discapacidade.