FEGADACE "aposta por un servizo de calidade" no Parlamento

29/01/2015

O secretario e portavoz da Federación, Fidel Castro, compareceu onte na Comisión non permamente de Discapacidade.

Un estudo epidemiolóxico serio e exhaustivo foi a primeira das reivindicacións que o secretario e portavoz da Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE), Fidel Castro, trasladou esta mañá á Comisión de Discapacidade do Parlamento de Galicia. “Necesitamos datos reais” de incidencia do dano cerebral adquirido (DCA) “para poder destinar os recursos de atención” máis axeitados ás persoas con discapacidade, afirmou Fidel Castro, que tamén demandou “proporcionalidade na asignación de recursos por parte da administración en termos de prazas e subvencións en función da representatividade” de cada discapacidade.
 
O representante de FEGADACE expuxo aos representantes dos grupos políticos en que consiste o dano cerebral, os datos de incidencia (calcúlase que hai unhas 35.000 persoas con DCA en Galicia) e en que situación están as persoas con esta discapacidade. Detallou o papel que xogan as asociacións, que “deberiamos desenvolver un papel nas últimas fases da atención” -en referencia ao traballo de inclusión social, posterior aos periodos de atención de urxencias e de rehabilitación- pero que “estamos facendo todo”.
 
Así, reclamou unha maior atención e aportación de recursos para este colectivo por parte da administración. “Falamos de investimento, non de gasto”, pois canto máis se invista nas primeiras fases de atención menor será o custe social desta discapacidade. Detallou o modelo “transversal e multidisciplinar” de atención ao dano cerebral das asociacións e salientou que FEGADACE “aposta por un servizo de calidade”. Defendeu a necesidade de expansión tanto do sistema sanitario como do de prestacións sociais, con máis recursos adaptados ás particularidades das persoas con dano cerebral, e salientou a necesidade do “responsábel clínico”, un interlocutor único que atenda, desde o momento no que se produce o dano -que é o de maior desorientación-, ás familias das persoas con dano cerebral.
 
A nivel de recursos, sinalou que a construción do novo hospital en Vigo “é unha oportunidade magnífica para a creación dunha Unidade de Dano Cerebral” e pechou a súa intervención denunciando que “o sistema de copagamentos é terrible” e que cómpre “avanzar na Lei de Dependencia”, que “agora recolle dereitos, o que está ben”, pero que tamén “necesita recursos económicos”. Denunciou que estes copagos están levando a persoas con DCA a abandonar recursos asistenciais públicos por imposibilidade de asumir o seu pagamento, reclamando que o servizo “no sexa excluínte”.
 
Ao remate da súa intervención, Fidel Castro respondeu ás preguntas dos grupos parlamentarios, centradas na ampliación de información sobre o dano cerebral e con especial atención aos cambios no sistema de transporte asociado ao 065, que “cubría unhas necesidades vitais” xa que “garantía que non houbera problemas de desprazamento” aos centros. Explicou que os cambios no servizo levaron un importante traballo e gasto a maiores ás asociacións, e que repercuten máis negativamente nas persoas que viven en zonas rurais.
 
Preguntado por temas como a inserción laboral, inclusión educativa, dispoñibilidade de vivendas tuteladas e outros apoios ás persoas e familias con dano cerebral, Fidel Castro manifestou a ausencia de recursos das asociacións para atender a todos estes aspectos por atopárense desbordadas polo máis inmediato: a rehabilitación.
 
A ‘Comisión non permanente para o seguimento das políticas relativas á discapacidade e elaboración de novas propostas a prol da integración das persoas con discapacidade’ constituíuse hai un ano e leva escoitado comparecencias de diferentes entidades e institucións relacionadas coa discapacidade, de cara a integrar as necesidades e reivindicacións deste colectivo na lexislación galega.
 
Información extraída do blog de FEGADACE. Na imaxe, de esquerda a dereita, o secretario e portavoz de FEGADACE, Fidel Castro, a presidenta da comisión, Marta Rodríguez Arias, e a súa secretaria Montserrat Prado Cores.
 

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información