Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
Reproducimos o manifesto reinvindicativo que, con motivo da celebración hoxe da Día Internacional da Muller, fai público a Fundación Cermi Mujeres, unha organización creada polo Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) para a defensa e acción do pleno goce de todos os dereitos humanos e liberdades fundamentais das mulleres e nenas con discapacidade. Na fotografía da noticia, mulleres usuarias e profesionais de Sarela súmanse ao lema do manifesto “O futuro que queremos!”.
Accede aquí á versión en lectura fácil
Neste 8 de marzo, Día Internacional da Muller, desde a Fundación CERMI Mujeres reafirmamos o noso compromiso coa construción dun mundo onde as mulleres e nenas con discapacidade sexamos recoñecidas como líderes e axentes de cambio, libres de discriminación, violencia e exclusión. A pesar dos avances significativos na loita pola igualdade entre mulleres e homes e en favor das persoas con discapacidade, aínda enfrontamos desafíos críticos que requiren dunha atención urxente e de accións decididas.
Somos máis de dous millóns e medio de mulleres con discapacidade comprometidas a construír o futuro que queremos e estamos convencidas de que a tarefa de deseñar a folla de ruta que debemos seguir arrinca aquí e agora, co coñecemento e as experiencias acumuladas desde que comezamos a organizarnos alá pola década dos noventa.
A situación de exclusión social e discriminación que enfrontamos as mulleres con discapacidade en España, do mesmo xeito que en moitas outras partes do mundo, é complexa e heteroxénea, xa que se atopan na intersección de varias formas de opresión. Esta discriminación múltiple afecta de maneira significativa á nosa calidade de vida e dificulta a nosa participación plena na sociedade.
As mulleres con discapacidade enfrontámonos a obstáculos significativos no mercado laboral, non só por prexuízos sobre as nosas capacidades, senón tamén pola interacción entre estas percepcións e estereotipos de xénero. Isto tradúcese en taxas de emprego máis baixas, condicións laborais precarias e segregación ocupacional.
Ademais, debido a que o imaxinario social non nos considera mulleres e, polo tanto, potenciais vítimas de violencias machistas, atopámonos con dificultades engadidas á hora de acceder a servizos de apoio e protección, pola inexistencia de recursos accesibles e apropiados para as nosas necesidades específicas.
A discriminación interseccional complica tamén o noso acceso a servizos de saúde adecuados, incluída a información e atención relacionados coa saúde sexual e reprodutiva. As barreiras inclúen non só a accesibilidade física, cognitiva e á comunicación, senón tamén prexuízos e falta de preparación do persoal de saúde para atender de maneira inclusiva e respectuosa.
Pola súa banda, hai que ter presente que a nosa representación e participación en espazos políticos e sociais é moi limitada, por iso é fundamental promover a nosa inclusión activa para asegurar que as nosas perspectivas e necesidades sexan consideradas na toma de decisións.
As barreiras na educación para nenas e mulleres con discapacidade son, así mesmo, un claro exemplo de discriminación. Estas barreiras limitan o noso acceso a oportunidades educativas inclusivas e de calidade, restrinxindo así o noso potencial de desenvolvemento persoal e profesional.
Para abordar estes desafíos, é crucial unha estratexia integral que inclúa políticas públicas dirixidas a eliminar todo tipo de barreiras; promover a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres con discapacidade; garantir o noso acceso real e efectivo á xustiza; mellorar a inclusión no mercado laboral e asegurar a nosa participación en todos os aspectos da vida social, económica, e política. A colaboración entre o goberno, as organizacións da sociedade civil, e as propias mulleres con discapacidade organizadas é fundamental para avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva e equitativa.
Por todo iso, este 8 de marzo as mulleres con discapacidade organizadas do noso país elevamos a nosa denuncia para ESIXIR:
As mulleres con discapacidade enfrontamos desafíos únicos que requiren unha resposta política coordinada, inclusiva e efectiva. Por iso, resulta clave a rendición de contas por parte do goberno respecto ás políticas que benefician ás mulleres con discapacidade. Trátase dun imperativo ético e legal que subliña o compromiso coa xustiza social, a equidade e o respecto aos dereitos humanos. A rendición de contas neste contexto non só implica a creación e aplicación de políticas específicas, senón tamén unha vixilancia continua e unha avaliación transparente do seu impacto e eficacia. Esta rendición de contas inclúe necesariamente o cumprimento das obrigacións internacionais contraídas por España.
Desde aquí facemos un chamado á reivindicación, á solidariedade, á empatía e ao compromiso activo de toda a sociedade española co fin último de construír un mundo máis inclusivo, xusto e equitativo. Porque a loita pola igualdade e a inclusión das mulleres con discapacidade é unha loita que nos concirne a toda a cidadanía.
Non descansaremos ata que todas as mulleres, con ou sen discapacidade, teñamos a oportunidade de vivir vidas libres de discriminación e violencia.
Porque o futuro que queremos xa comezou