Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
FEDACE editou hoxe o seu boletín número 102.
A Federación Española de Daño Cerebral (FEDACE) publicou hoxe o seu boletín. De periodicidade mensal, 'Compartir' acada con esta edición os 102 números publicados.
FEDACE salienta neste Compartir a campaña pola X Solidaria, informando sobre o programa de Información e Apoio a Familias, que ilustra cunha imaxe e declaracións da traballadora social de Sarela, Eugenia Veloso, que participa no programa. A Federación informa de que o programa, financiado coa axuda dos cartos recadados a través do IRPF, atende un total de 4.564 persoas en todo o estado.
O boletín contén, tamén, información relacionada co ámbito lexislativo, pois recolle a noticia sobre a proposición non de Lei aprobada polo Congreso dos Deputados a través da que se insta ao Goberno a clarificar o alcance da neurorrehabilitación na Carteira de Servizos. Esta proposición é o resultado dunha demanda do movemento asociativo do dano cerebral. No eido legal, Compartir tamén informa de que o Tribunal Constitucional admitiu a trámite un recurso de inconstitucionalidade contra o copagamento na comunidade autónoma de Valencia, o que pode supoñer un avance en dereitos para todas as persoas con discapacidade.
A aplicación Empoweryou, de apoio para a participación social das persoas con discapacidade, e unha publicación do CEAPAT titulada APPS gratuitas para el entrenamiento cognitivo y la comunicación, complementan o apartado sobre novas tecnoloxías.
A asociación de dano cerebral de Burgos, ADACEBUR, tamén ten o seu oco no boletín grazas á campaña de prevencion do DCA que acaba de lanzar na súa localidade. Ademais, Compartir entrevista ao promotor da iniciativa Freno al ictus, Julio Agredano, e recolle outras iniciativas e actividades do movemento asociativo do dano cerebral.