Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
O 47% das persoas que fan a declaración en Galicia non marcan o recadro de "Fins sociais".
En 2015 as persoas que marcaron o recadro de “Fins sociais” na súa declaración da renda decidiron que 15.126.914 euros foran destinados a organizacións sen ánimo de lucro e aos seus programas. A pesar de ter medrado nos últimos anos, o certo é que preto do 47% das declaracións da renda presentadas en Galicia fanse sen marcar o X Solidario. Se todo o mundo colaborase a cifra aumentaría en 11.518.531 euros.
Onte as entidades do terceiro sector galego, representadas por EAPN-Galicia, CERMI-Galicia e a Coordinadora Galega de ONGD, fixeron balance destas cifras e presentaron a campaña para impulsar a colaboración cidadá no momento do facer a súa declaración do IRPF.
Dereito a elixir entre catro opcións
O presidente de EAPN-Galicia, Antonio Hernández Fernández, explicou que “existen catro posibilidades: marcar o recadro de Fins Sociais, marcar o recadro de Fins Sociais e o da Igrexa Católica, marcar só o cadro da Igrexa Católica ou non marcar ningún recadro”. No
caso de marcar os dous recadros os cartos non se dividen, senón que se multiplican por dous e ademais non pagan máis impostos e tampouco teñen máis deducións. Hernández fixo fincapé na idea de que “é un dereito elixir que queres
que se faga cos teus cartos, e non todo o mundo pon en práctica este dereito”. “ Os nosos argumentos son moi sinxelos: vivimos unha situación de crise acumulada e moitas persoas atópanse en risco de exclusión, sendo esta unha maneira de axudar e colaborar a sacalos desta situación”.
O Presidente do CERMI-Galicia, Anxo Queiruga,
explicou que os 15 millóns de euros recadados durante o ano pasado son repartidos entre as organizacións sociais polo que “son un importante instrumento de política social para a loita contra a exclusión” e animou a marcar o X Solidario “porque non hai mellor fin que destinar unha parte dos nosos impostos a mellorar a calidade de vida de centos do persoas”.
Gema Filgueira, Presidenta da Coordinadora Galega de ONGD, realizou un balance das cifras acadadas no recadro Fins Sociais durante a declaración da renda presentada o ano pasado e apuntou que se todo o mundo colaborase a cifra aumentaría en máis de 11.518.531 euros. “Hai 596.995 galegas e galegos que non marcan o recadro de Fins Sociais, un xesto que non custa nada, e para estas persoas vai dirixida a nosa campaña” subliñou Filgueira.
Fotografía superior extraída da web de FEAFES (Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia)