Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
O 3 de maio é o Día Nacional en España da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade. Con motivo desa conmemoración o Comité Español de Persoa con Discapacidade (CERMI) fixo público este manifesto e que foi lido en Galicia por persoas con discapacidade en representación de todas as entidades membro. Antonio Bascuas, persoa usuaria do servizo de SADT de Sarela, foi unha delas en representación de FEGADACE. A continuación podes ler o manifesto completo.
Manifesto do Movemento CERMI
O 3 de maio foi declarado polo Goberno, mediante decisión do Consello de ministros e a suxestión do CERMI, Día Nacional en España da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade do 13 de decembro de 2006, conmemorando así a data en que este tratado internacional de dereitos humanos entrou en vigor en todos os Estados parte, incluída España.
O propósito deste Día Nacional é xerar coñecemento e provocar a toma de conciencia, en todas as instancias, operadores, axentes e grupos de interese, da discapacidade como unha parte, digna e valiosa, da diversidade humana, que só pode entenderse e abordarse como unha cuestión de dereitos humanos.
A inclusión, o benestar e os dereitos das persoas con discapacidade deben construírse en conxunto e coas persoas con discapacidade, tal como sinala a Convención no seu Artigo 29 e a Constitución Española nos seus Artigo 9.2 e 23. Por iso, este ano electoral, temos que lembrar, como fai a Convención, que as persoas con discapacidade seguen atopando barreiras para a súa participación política en igualdade de condicións.
Para garantir esa efectividade na participación pública e política en igualdade de condicións que establece o artigo 23 da Constitución Española é necesaria a accesibilidade. É imprescindible asegurar que os procedementos, instalacións e materiais electorais sexan adecuados, universalmente accesibles e fáciles de entender e utilizar. Trátase de que as persoas con discapacidade non sexan discriminadas en ningunha etapa do proceso electoral ou na vida política en xeral, e que reciban o mesmo trato e consideración que calquera outra persoa.
O dereito ao sufraxio activo e pasivo, expresión e ben social de primeira magnitude é e debe de ser o centro dunha sociedade aberta, democrática e baseada no diálogo. Para iso, ten que ser universalmente accesible en todos os niveis. O movemento CERMI reitera, como fixo desde a súa fundación co seu lema “nada para as persoas con discapacidade sen as persoas con discapacidade”, a importancia da participación e accesibilidade das persoas con discapacidade na vida política e pública. É necesario reivindicar e incidir na accesibilidade e nas barreiras que aínda perduran.
Hoxe, como sempre, reivindicamos e loitamos pola inclusión das persoas con discapacidade e as súas familias, porque os actos electorais e campañas estean feitas para todas e para todos. Que ninguén quede atrás na participación política.
Antonio Bascuas no momento da lectura acompañado dos seus compañeiros e compañeiras do Servizo de Atención Diúrna Terapéutica.
As organizacións do terceiro sector da discapacidade mostraron que o tecido asociativo organizado das persoas con discapacidade e os seus familiares son actores tan centrais da sociedade civil como para promover a transformación social. O cambio máis notorio é a creación do primeiro tratado internacional deste século, pero a mobilización das persoas con discapacidade non se quedou aí. Chegou a poñer sobre a mesa como posibilidade factible unha reforma constitucional sobre o artigo 49, con todos os consensos que se precisan. E participou activamente nun gran número de propostas e recomendacións que distintos gobernos, de distintas siglas e distintos niveis, aceptaron.
A capacidade organizativa dos movementos de persoas con discapacidade e as súas familias demostrou canto teñen que dicir e canto teñen por achegar. Fixo evidente a centralidade da gobernanza inclusiva e as potencialidades do diálogo civil, o lonxe que chega a nosa sociedade cando participamos todas e todos sobre obxectivos tan claros e necesidades tan robustas como a inclusión e os dereitos das persoas con discapacidade.
Con todo, o camiño é longo e aínda queda moito por percorrer. As persoas con discapacidade seguen invisibilizadas en termos de participación política. Hai diversos factores que dificultan a participación: o nivel educativo, as situacións de pobreza ou o maior risco de exclusión social. A todo iso hai que engadir tamén carencias de accesibilidade na participación e na comunicación das campañas por falta de recursos e ferramentas que garantan a inclusión e participación das persoas con discapacidade.
Unha sociedade democrática non pode permitirse que as oportunidades e o acceso á información e ao poder non sexan iguais para toda a súa cidadanía. Ao contrario. Ten que impulsar a visibilidade de quen foi invisibilizado, ten que promover e manter a conversión en suxeitos activos de quen considerou tradicionalmente suxeitos pasivos, aínda que xa demostrasen non selo. Unha sociedade responsable e democrática ha de incluír, tratar de mobilizar e entender a todas as persoas e grupos sociais; para eliminar as barreiras que impiden a inclusión plena e a participación activa de todos os grupos sociais na toma de decisións e na construción de políticas públicas que reflictan as necesidades e demandas da poboación.
Sendo fundamental que a sociedade teña a capacidade de mobilizar e entender as distintas perspectivas e necesidades dos diferentes grupos sociais, co fin de construír unha sociedade máis xusta e igualitaria.
As condicións de exclusión ás cales están sometidas as persoas con discapacidade conducen a que sexan discriminadas e colocadas forzosamente nunha situación de vulnerabilidade e desigualdade, onde son consideradas “cidadanía de segunda” con menos dereitos e liberdades; en moitos casos, sen posibilidade de exercer os dereitos de participación xeral na vida social e política converténdolles en “cidadáns invisibles”. A accesibilidade universal da información e a comunicación de programas electorais é tan central como a accesibilidade dos espazos, colexios electorais, procedementos e materiais para garantir que este dereito sexa efectivo e universal para a cidadanía.
As mulleres con discapacidade seguen enfrontándose a maiores barreiras no camiño cara á participación política activa, como consecuencia dos efectos nocivos da intersección entre diferentes factores de exclusión, o que as coloca nunha posición de maior vulnerabilidade e exclusión na participación política activa e que se enfronten a maiores barreiras no camiño cara a esa participación política activa. Por iso, este ano electoral, desde o movemento CERMI reiteramos a nosa demanda ás formacións políticas de garantía da accesibilidade universal dos programas e campañas; con medidas específicas e adaptadas ás necesidades e perspectivas das persoas con discapacidade, e un compromiso firme para garantir a igualdade de oportunidades para todas as persoas.
O semestre de presidencia española da Unión Europea é un momento propicio para impulsar o recoñecemento ao dereito de sufraxio activo e pasivo de todas as persoas con discapacidade, lembrando que en moitos países da Unión Europea non se cumpre o mandato da Convención.
Este 3 de maio asinamos o noso manifesto insistindo na segunda parte do noso lema: “nada sen as persoas con discapacidade”.
3 de maio de 2023
Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade
Fundación CERMI Mujeres
Accede ao manifesto nas seguintes versións: