Presentación da campaña da X Solidaria

08/04/2022

Hoxe as federacións e redes que representan ao Terceiro Sector galego na loita contra a pobreza e a exclusión social presentaron a campaña da X Solidaria facendo unha chamada á sociedade para que marque o recadro 106 de Actividades de Interese Social na súa Declaración da Renda. No acto leuse o manifesto conxunto das entidades e que se reproduce a continuación.

"Hoxe, 8 de abril, as federacións redes que representamos ao Terceiro Sector galego na loita contra a pobreza e a exclusión social queremos facer unha chamada á sociedade para que, na súa Declaración da Renda, marque o recadro do X Solidario, de Actividades de Interese Social.

 

Este non é un acto nin unha campaña máis. É un chamamento de auxilio para que a posible menor recadación do Imposto da Renda pola crise económica non poña en perigo a supervivencia de programas e organizacións e que agrave a emerxencia sanitaria e social que estamos a padecer.

 

Máis que nunca, é necesario contribuír ao funcionamento das entidades que defendemos os dereitos da cidadanía. Somos un servizo esencial que está na primeira liña loitando contra os catastróficos efectos da pandemia polo COVID-19 e da crise económica e social actual da inflación e a guerra de Ucraína, e que o seguirá a facer cando esta remate.

 

Como sabedes, cada ano a Administración permite que os e as contribuíntes decidan o destino do 0,7% dos impostos que se recadan mediante o IRPF. Cando alguén fai a declaración da renda ten CATRO alternativas:

 

  1. Marcar o recadro de ‘fins sociais’ (“Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”) e destinar o 0’7% dos seus impostos para que as entidades de carácter social poidan realizar proxectos coas persoas que máis o precisen.
  2. Marcar os dous recadros: ‘Fins sociais’ e ‘Igrexa Católica’ e destinar deste xeito, o 0’7% dos teus impostos a cada un, é dicir un 1’4%.
  3. Marcar só o recadro da ‘Igrexa Católica’.
  4. Non marcar ningún recadro e que sexa o Estado quen decide o que se fai con ese 0’7%.

 

 

Decidir o que queremos que se faga cos nosos impostos é un dereito que non todo o mundo pon en práctica. O noso obxectivo é que a xente marque o recadro e decida.

 

Marcando o X Solidario, o recadro de ‘Fins Sociais’, NIN pagamos máis NIN imos recibir menos cartos no caso das devolucións e podemos contribuír á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan.

 

Máis de 12,5 millóns de persoas viven en risco de pobreza a nivel estatal, 694.000 en Galicia. 253.000 destas en pobreza severa. Persoas maiores, sen fogar, con discapacidade, enfermas de cancro, mulleres vítimas de violencia machista, nenos e nenas, desempregadas...

 

Grazas ás persoas que marcaron o X Solidario, no 2021 141 organizacións de acción social de toda Galicia levaron a cabo mais de 500 proxectos que beneficiaron de xeito directo a un mínimo de 105.000 persoas.

 

No 2021 conseguimos que case seis de cada dez galegos e galegas marcaran o recadro do X Solidario, oito mil mais que no ano anterior. Recadáronse case vinte millóns de euros, dous mais que no ano anterior (1).

 

Se os 610.363 galegos e galegas que non o fixeron marcaran o X Solidario, teríanse recadados case 13 millóns de euros máis (2).

 

No 2021, 312.794 contribuíntes marcaron o recadro do X Solidario, 3.099 mais que no ano anterior. Recadáronse 9.256.075€, 231.702,00€ mais que no 2020. Se os 265.607 contribuíntes da provincia da Coruña marcaran o X Solidario, teríanse recadados no 2021 6.630.670€ máis. Un total de 15.886.744€

 

A estas persoas nos diriximos especialmente para lembrarlles que:

  • Marcar o X Solidario non custa nada. Nin pagas máis, nin che devolverán menos.
  •  
  • Se xa marcas a casiña da Igrexa, marcando tamén a de ‘Actividades de Interese Social’, poderás axudar o dobre.

 

Ti decides que o 0,7% dos impostos se destine integramente a programas desenvoltos polas ONG, coa máxima transparencia na súa xestión a través das diferentes convocatorias da Xunta de Galicia: Política Social, Igualdade e Sanidade. A Xunta de Galicia lle reclamamos unha vez mais que reduza a burocracia o máximo posible e unifique todas as convocatorias nunha soa.

 

Grazas de novo á cidadanía galega por sumarse a esta emerxencia solidaria e garantir que, coa súa axuda, poidamos seguir avanzando".

 

(1) Concretamente, no 2021, 744.082 contribuintes marcaran o recadro do X Solidario, 8.377 mais que no ano anterior. Recadáronse 19.635.313 €, 342.930 € mais que no 2020.

(2) Se os 610.363 galegos e galegas que non o fixeron marcaran o X Solidario, teríanse recadados no 2021 12.905.500€ mais. Un total de 32.540.813€

 

 

Categorías: Sarela , Terceiro sector
Tags: X Solidaria

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información