25N | Manifesto do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

25/11/2024

No 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, sumámonos ao manifesto da “Fundación Cermi Mujeres” que reivindica o dereito das mulleres e nenas con discapacidade a unha vida libre de violencias. A continuación reproducimos o manifesto que reafirma o noso compromiso coa loita contra a violencia que sofren miles de mulleres e nenas con discapacidade no noso país. Tamén está dispoñible en lectura fácil e en pictogramas.

Manifesto do Día Internacional da Violencia contra a Muller

“Por un futuro libre de violencia contra todas as mulleres e nenas”

Este 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, desde a Fundación CERMI Mujeres alzamos a voz para reafirmar o noso compromiso coa loita contra a violencia que sofren miles de mulleres e nenas con discapacidade no noso país.

Na Unión Europea, os 60 millóns de mulleres e nenas que vivimos cunha discapacidade (un 25,9% do total da poboación feminina) enfrontámonos no día a día, e en todos os ámbitos da vida e a sociedade, a distintas formas de discriminación e violencia que son, ademais, múltiples e interseccionais.

O 2024 é simbólico para os dereitos das mulleres e nenas, en xeral, e das mulleres e nenas con discapacidade, en particular. Este ano conmemórase o décimo aniversario da entrada en vigor para España do Convenio de Istambul, un mecanismo con especial impacto na poboación feminina con discapacidade, que supuxo un antes e un despois ao tipificar como delitos o aborto coercitivo e a esterilización forzada, prácticas nocivas e radicalmente contrarias aos dereitos humanos e que afectan especialmente ás mulleres e nenas con discapacidade.

Ademais, en 2024 cúmprense 20 anos da aprobación da Lei Orgánica 1/2004, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, un instrumento pioneiro a nivel europeo e internacional, que se configurou como o primeiro paso na consecución de moitos outros avances na igualdade entre homes e mulleres e que puxo o foco na situación das mulleres con discapacidade, no maior risco que temos de sufrir a violencia de xénero e nas maiores dificultades coas que nos atopamos para acceder aos servizos que a propia lei prevía.

2024 é tamén o ano no que se conmemora o 30 aniversario da adopción por parte de Nacións Unidas da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing, que marcou un punto de inflexión na axenda mundial no que respecta á igualdade de xénero, e  onde por primeira vez se incorporou o enfoque transversal e interseccional, tomando nota da diversidade das mulleres e nenas con discapacidade, respectando e valorando a plena diversidade das situacións e condicións nas que nos atopamos.

Nas últimas décadas déronse grandes pasos en favor dos dereitos humanos das mulleres e as nenas con discapacidade, pero aínda queda moito por facer, e os escasos datos estatísticos oficiais así o reflicten. De acordo coa Macroenquisa de Violencia contra a Muller publicada no ano 2019 pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, un 14’8% de mulleres con discapacidade acreditada igual ou superior ao 33% sufriron violencia sexual dalgunha parella (actual ou pasada) ao longo da vida, fronte ao 8’9% das mulleres sen discapacidade. Ademais, un 17’5% das mulleres con discapacidade que sufriron violencia sexual dalgunha parella ou exparella afirman que a súa discapacidade é consecuencia da violencia das súas parellas; porcentaxe que ascende ao 23’4% no caso das mulleres con discapacidade que sufriu violencia física ou sexual.

As mulleres e as nenas con discapacidade sufrimos de maneira particularmente grave todas as formas de explotación, violencia e abuso, e a nosa protección contra esas violencias vese moitas veces obstaculizada por unha visión paternalista e capacitista aínda moi presente, e pola existencia de estereotipos discriminatorios e nocivos amplamente estendidos que aumentan o noso risco de sufrila, e que subliñan a incapacidade da sociedade e as institucións de garantir o respecto dos nosos dereitos humanos, e a dignidade que, como mulleres e nenas, énos inherente.

Por todo iso, este 25 de novembro as mulleres con discapacidade organizadas do noso país elevamos a nosa denuncia para ESIXIR:

1. A implantación dun mecanismo específico de protección a mulleres e nenas con discapacidade, mesmo institucionalizadas, para evitar unha posible violencia ou máis actos da mesma, sen a condición previa de que as vítimas iniciasen accións legais, incluída unha avaliación inmediata dos riscos e a protección adaptada ás súas circunstancias individuais, con pleno respecto á súa autonomía e dignidade.

2. A vixilancia para que a atención a unha muller ou nena con discapacidade vítima de violencia de xénero se faga sempre desde os programas e servizos especializados nesta materia, co asesoramento e apoio necesarios de entidades referentes de mulleres e nenas con discapacidade. Ao mesmo tempo deben existir protocolos de detección e apoio especializado a mulleres, nais e coidadoras de persoas con discapacidade, vítimas de violencia de xénero pola súa maior vulnerabilidade.

3. O desenvolvemento dunha auditoría inmediata de accesibilidade a nivel estatal, rexional e provincial dos centros e servizos de atención a mulleres vítimas de violencia de xénero, dos xulgados especializados e das campañas e materiais informativos de sensibilización, cun plan urxente de accesibilidade dotado de orzamento suficiente, que conteña prazos claros para asegurar a dispoñibilidade de tales recursos ás vítimas con discapacidade.

4. A garantía de plena accesibilidade dun centro de referencia para a violencia sexual e dun fogar de acollida para as vítimas de violencia de xénero en cada provincia, os cales deberán satisfacer as necesidades específicas que presenten as mulleres e nenas con discapacidade.

5. A vixilancia para que a violencia cometida contra unha muller ou unha nena con discapacidade non se remita por defecto, nin apelando ao seu interese superior, a ningún tipo de procedemento alternativo de arranxo de controversias, como a mediación e a conciliación.

6. A garantía de que todas as mulleres e nenas con discapacidade vítimas de violencia de xénero reciban unha atención adecuada para a súa recuperación, a súa rehabilitación e a súa reintegración social.

7. O desenvolvemento dunha Macroenquisa específica a nivel estatal sobre a violencia da que son obxecto as mulleres e nenas con discapacidade, que permita a posta en marcha dunha política pública adecuada nos planos estatal, rexional e provincial que sitúe no centro a todas as mulleres sen excepción e que tome en consideración os riscos concretos e os factores de vulnerabilidade subxacentes, tales como a incapacitación legal, a institucionalización, o incesto, a pobreza, a ruralidade, a idade e o tipo de discapacidade, entre outros.

8. Arbitrar medidas de reparación integral dirixidas ás mulleres con discapacidade esterilizadas forzosamente no pasado e no presente para resarcir o dano ocasionado por estas prácticas contrarias aos dereitos humanos, a través dunha lei de indemnización ás vítimas de esterilizacións forzadas por razón de discapacidade.
Hoxe, 25 de novembro de 2024, as mulleres e nenas con discapacidade de España unimos as nosas voces e as nosas forzas para esixir que a nosa realidade deixe de ser invisible, para que as nosas demandas se sitúen no centro de debate político e para que exista un compromiso firme na construción dun futuro libre de violencias para todas nós.

NIN UNHA MENOS!

AS MULLERES E NENAS CON DISCAPACIDADE EMPODERADAS, VISIBLES E DIVERSAS REIVINDICAMOS O NOSO DEREITO A UNHA VIDA LIBRE DE VIOLENCIAS!

Manifesto en lectura fácil: entra aquí.

Manifesto en pictogramas: entra aquí.

Categorías: Discapacidade

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información