O Día Internacional das Persoas con Discapacidade foi declarado en 1992 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas (mediante a resolución 42/7) e o seu obxectivo é promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidades en todos os ámbitos da sociedade e o seu desenvolvemento. En 2023, o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) fixo público o seguinte manifesto que ten como principal demanda a aprobación de medidas para unha mobilidade inclusiva efectiva.
3 de decembro de 2023
Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade
Unión Europea, mobilidade e garantía de dereitos para as persoas con discapacidade
Con motivo do Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade, que cada ano se celebra o 3 de decembro, no correspondente ao ano 2023, o Movemento Social da Discapacidade agrupado unitariamente arredor do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) fai público o seguinte
Manifesto
Desde o Movemento CERMI reclamamos unha Europa Social, unha Europa das persoas, unha Europa que defenda e preserve os dereitos, a inclusión e o benestar das persoas con discapacidade e das súas familias.
Unha Europa na que o factor social sexa preponderante e estea asegurado, xa que o social é calidade e calidez democrática.
Como parte desa Europa social, está a libre circulación, unha das liberdades sobre as que se asenta o proxecto europeo. Mais esa pretendida liberade non chega a todo o mundo. As persoas con discapacidade e a súas familias só poden gozar deste dereito de cidadanía en igualdade de condicións que as demais persoas se existe o pleno recoñecemento da condición de discapacidade en todos os países membros da Unión Europea (UE).
No goce de bens, produtos e servizos do Mercado Único, é preciso considerar de forma preferente ás persoas con discapacidade en maior risco de exclusión, atendendo a factores de intersección coa discapacidade vinculados ao sexo, a idade, a ruralidade, a condición de persoa migrante e solicitante de asilo, a orientación sexual, a pobreza, entre outros. Neste contexto, as mulleres e as nenas con discapacidade, o 60 % da poboación con discapacidade na UE, son o grupo poboacional en maior risco de exclusión.
O movemento CERMI valora de forma positiva a recente proposta de Directiva Europea pola que que se establecen a Tarxeta Europea de Discapacidade e a Tarxeta Europea de Estacionamento para Persoas con Discapacidade, que responde a unha demanda da sociedade civil da discapacidade, á que España e o CERMI contribuíron en boa medida. O semestre de Presidencia Española da UE é unha oportunidade para impulsar un proceso de adopción áxil que permita que esta Directiva europea, longamente esperada, se adopte e aplique no menor tempo posible.
No Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade, o Movemento CERMI esixe que a proposta de Directiva pola que se establecen a Tarxeta Europea de Discapacidade e a Tarxeta Europea de Estacionamento para Persoas con Discapacidade teña en conta as seguintes demandas:
-
A súa aprobación antes da disolución do actual Parlamento Europeo e a convocatoria de eleccións previstas para xuño de 2024.
-
Pedimos o cumprimento do mandato contido na Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, tratado internacional que vincula á UE en todos os seus artigos, e especialmente no Artigo 5, Igualdade e Non Discriminación, o Artigo 6, Mulleres con Discapacidade, o Artigo 7, Nenos e Nenas con discapacidade, o Artigo 18, Liberdade de desprazamento e nacionalidade e o Artigo 9, Accesibilidade.
-
Reclamamos que todas as persoas con discapacidade poidan gozar da libre circulación no ámbito da UE sen que haxa obstáculos que impidan a mesma e cos apoios individuais que cada persoa necesita. En calquera caso, todas as persoas con discapacidade han de estar protexidas en todo o territorio da UE contra a discriminación, a segregación e os abusos.
-
Esiximos que a accesibilidade universal, que abrangue a todas as persoas en todas as esferas, estea presente de forma transversal en todo o proceso relacionado co formato, recoñecemento mutuo, expedición e validez da Tarxeta Europea de Discapacidade e a Tarxeta Europea de Estacionamento.
-
Solicitamos que a Tarxeta Europea de Discapacidade se aplique a todas as situacións nas que os operadores privados ou as autoridades ofrezan condicións especiais ou trato preferente ás persoas con discapacidade no que respecta ao recoñecemento da discapacidade ante as institucións, autoridades e políticas impulsadas por todas as instancias da UE, en especial nos programas de mobilidade da UE (como ERASMUS+ e outros programas análogos).
-
Reclamamos que, nos supostos de persoas con discapacidade que se trasladan a traballar ou a estudar a outro país da UE, a Tarxeta Europea de Discapacidade garanta o acceso inmediato ás prestacións persoais, económicas, ás persoas e produtos de apoio necesarios para a súa autonomía persoal.
-
Demandamos que a Tarxeta Europea de Discapacidade contemple un estatuto preferente para mulleres e nenas con discapacidade vítimas de violencia e abuso e de malos tratos, de modo que se actúe preventivamente e se garanta o acceso aos recursos, dispositivos e prestacións que estean habilitados para combater e atenuar esa secuela ferinte, dando resposta ás necesidades de protección e apoio das mulleres e nenas con discapacidade, nais e coidadoras vítimas de violencia, abuso e malos tratos.
-
Pedimos que os Estados membros adopten todas as medidas necesarias para recoñecer a todas as persoas con discapacidade posuidoras dunha Tarxeta Europea de Discapacidade como persoas especialmente protexidas contra calquera situación de discriminación por razón de discapacidade, co consecuente dereito a acceder en toda a UE aos recursos e dispositivos establecidos contra as vulneracións de dereitos e ausencia de igualdade efectiva de trato.
-
Reivindicamos que a Tarxeta Europea de Discapacidade debe expedirse na primeira e sucesivas emisións sen xerar ningún custo para a persoa que a solicite. A xeración dun novo dereito non debe implicar custos engadidos nin xestións burocráticas nin cargas administrativas onerosas para as persoas con discapacidade e as súas familias.
-
Solicitamos o recoñecemento da Tarxeta Europea de Discapacidade tamén ante as institucións comunitarias, así como o seu carácter compatible con calquera tarxeta ou certificado de recoñecemento da discapacidade de ámbito estatal.
-
Pedimos a participación das institucións europeas a través de campañas de formación e toma de conciencia sobre o uso da mencionada tarxeta, en formatos que garantan a súa accesibilidade universal incluíndo a lectura fácil, o braille, o audio, macrotipos, lingua de signos, pictogramas e outros formatos alternativos e aumentativos, contando sempre coa colaboración das persoas con discapacidade a través das súas organizacións representativas. Esta información debe incluír con claridade o carácter voluntario da Tarxeta. É preciso habilitar liñas de financiamento específicas no seo da UE para este fin.
-
Instamos ás institucións europeas a promover campañas educativas e de difusión sobre a Tarxeta Europea de Discapacidade a Tarxeta de Estacionamento, salientando o seu uso voluntario e asegurando a súa accesibilidade universal. Estas campañas deben incluír tanto á comunidade de persoas con discapacidade como á sociedade en xeral.
-
Demandamos a creación dun sitio web que conteña toda a información sobre a Tarxeta e o modo de tramitala, en formato universalmente accesible, en todos os idiomas da UE, incluída a lingua de signos e os medios de apoio á comunicación oral, a lectura fácil, a audiodescrición, o contido auditivo, e os medios alternativos e aumentativos de comunicación.
-
Pedimos a participación das organizacións representativas das persoas con discapacidade e das súas familias en todo o proceso de desenvolvemento, planificación, execución, seguimento e avaliación das Tarxetas Europeas, atendendo ao principio de diálogo civil e cogobernanza.
A próxima regulación das Tarxetas Europeas de Discapacidade e Estacionamento é un asunto chave da axenda política da discapacidade organizada en España, futuro logro que obedece á capacidade de proposta e incidencia da sociedade civil, que é a auténtica promotora das lexislacións e políticas públicas nesta materia. Unha axenda política ampla, ambiciosa e transformadora que ten dúas cuestións esenciais aínda en espera, e que neste Día Europeo e Internacional das Persoas con Discapacidade 2023 non podemos deixar de lembrar, a saber: a modificación do artigo 49 da Constitución Española, para enuncialo en clave de dereitos humanos e terminoloxía apropiada; e a elevación do 0,7 % ao 1 % da asignación tributaria dos Impostos da Renda e de Sociedades, para atraer máis recursos que permitan robustecer a sustentabilidade das partes máis fráxiles da nosa comunidade.
CERMI
Fundación CERMI Mujeres
Podes consultar o manifesto completo en diferentes formatos:
Lectura fácil
Sistema pictográfico
LSE