Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
Sarela crea un club de lectura no que poden participar as familias socias da entidade e que está dinamizado por María Tilve, que é voluntaria en Sarela. No club, ademais de compartir lectura, organizan outras actividades culturais e de ocio. Reúnense dúas veces ao mes no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia da Cidade Vella.
O club é unha iniciativa do Servizo de información, orientación e apoio a familias e está dirixido por María Tilve, que colabora como voluntaria con Sarela desde o ano 2012. Como calquera club de lectura as persoas que o compoñen len a mesma obra ao mesmo tempo para despois comentala nun encontro persoal.
Seda, de Alessandro Baricco, é o primeiro título que comparten as persoas que participan do club de lectura de Sarela e sobre o que falarán posteriormente nas reunións que, cada 15 días, organizan no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, dependente do Concello de Santiago, e que está na Praza de Salvador Parga da Cidade Vella.
Este club forma parte do Club de lectura de Galicia da Xunta de Galicia o que posibilita acceder ao catálogo do Biblioteca de Galicia, cuns 1.500 títulos e 30.000 exemplares. Unha vez elixido o título a ler no club de lectura a Biblioteca de Galicia presta un exemplar a cada unha das persoas que o forman.
Actividades culturais e de ocio
Pero o libro non é o único aliciente para as persoas que participan do club. Ao rematar cada xornada, e grazas á boa situación do CSC Maruxa e Coralia, organízase unha actividade cultural complementaria para coñecer o patrimonio de Compostela, visitar museos e exposicións ou simplemente compartir un momento de café.