Sarela celebra o Día do Dano Cerebral co recibimento a cinco persoas con DCA que percorren parte do Camiño de Santiago

21/10/2022

Na chegada ao Obradoiro lerase o manifesto elaborado conxuntamente polas 48 entidades agrupadas en FEDACE e que este ano reclamará medidas para garantir a accesibilidade cognitiva das persoas con DCA. Tamén haberá mesas informativas nos Hospitais de Santiago e Barbanza (Ribeira). As actividades continuarán o venres 29 coa conmemoración do Día do Ictus, primeira causa de dano cerebral, con mesas informativas en Santiago, Ribeira, A Estrada, Lalín, Mazaricos e Arzúa e unha charla de sensibilización en Lalín.

Un ano máis, o vindeiro mércores 26 de outubro conmemórase o Día do Dano Cerebral Adquirido (DCA). Para Sarela, como asociación de referencia na área sanitaria de Compostela, esta é unha data importante para dar visibilidade ao colectivo de persoas con DCA, ás súas necesidades e das familias así como para reivindicar os seus dereitos de cidadanía.

Este ano o acto principal de celebración vai ser o acompañamento e recibimento a Montse, Enrique, Juan,  Marta e Alberto, os/as cinco persoas con Dano Cerebral, e que por esas datas estarán a realizar o Camiño de Santiago desde Pedrafita. Para iso haberá diferentes puntos de encontro para que as persoas e familias socias de Sarela, e quen o desexe, se sumen ao percorrido desde o Monte do Gozo en función das súas capacidades. Ao chegar á Praza do Obradoiro farase a lectura do manifesto do DCA como todos os anos.

Os horarios de referencia son os seguintes: 

  • Monte do Gozo (Hermida de San Marcos) ás 10:00 h. 
  • Concheiros (á altura do antigo Bodegón Os Concheiros) ás 10:50 h.
  • Porta do Camiño (entrada da rúa das Casas Reais) ás 11:10 h.
  • A chegada á Praza do Obradoiro está prevista ás 11:45 h.

Lectura do manifesto do Día do Dano Cerebral

Ás 12:00 h. representantes de persoas usuarias e familiares de Sarela farán lectura do manifesto que con motivo do Día do DCA redacta FEDACE (Federación Española de Daño Cerebral) que recolle o sentir e reivindicacións do movemento asociativo. Este ano centrarase en reclamar medidas para garantir a accesibilidade cognitiva das persoas con DCA. Hoxe FEDACE agrupa a 48 entidades de toda España e a máis de 11.000 persoas socias das que unhas 700 son de Sarela.

Ás 12:30 h., unha vez rematada a lectura no claustro do Pazo de Fonseca haberá un café que servirá de momento de encontro de todas as persoas que participaron na andaina.

Mesas informativas nos hospitais e iluminación de edificios e monumentos

Como outros anos Sarela tamén instalará no Hospital Clínico de Santiago (de 9:30 a 11:30) e no Hospital da Barbanza en Ribeira (de 9:00 a 11:00) senllas mesas informativas para sensibilizar sobre o DCA, as súas causas e recursos de atención como é Sarela. 

Outra acción que se realizará é na noite do 26 a iluminación en cor azul da fachada da Casa do Concello de Santiago, a sede de Xunta de Galicia en San Caetano e do Parlamento de Galici e as Torres de Hejduk na Cidade da Cultura de Galicia. Tamén se sumarán a este acto simbólico outros concellos da área sanitaria de Santiago-Barbanza. A iluminación realizarase nos horarios que establecen as novas medidas de aforro enerxético.

Obradoiro de seguridade viaria e prevención do DCA

FEGADACE (Federación Galega de Dano Cerebral) organiza este obradoiro e no que colabora Sarela. Será ó xoves 27 ás 18:00 h. no Espazo +60 Afundación (r/ Carreira do Conde 18, Santiago).

 

DÍA DO ICTUS (29 de outubro)


Esa mesma semana, o sábado 29 de outubro, tamén se celebra o Día do Ictus. Esta enfermidade é hoxe a primeira causa de Dano Cerebral Adquirido. Por iso Sarela tamén desenvolverá actividades de sensibilización como:

Mesas informativas

Venres 28 entre as 10:30 e 12:30 en:

  Santiago - Hospital Clínico de Santiago
  Ribeira - Hospital da Barbanza
  A Estrada - Centro de Saúde
  Arzúa - Centro de Saúde
  Lalín - Centro de Saúde
  Mazaricos - Centro de Saúde
 

Charla de sensibilización e prevención do DCA en Lalín

O venres 29 ás 19:30, no Museo Municipal Ramón María Aller Ulloa de Lalín, Rocío García (psicóloga/neuropsicóloga e directora de Sarela) dará unha aberta a toda a cidadanía na que falará sobre aspectos xerais do DCA como causas, consellos de prevención, secuelas, rehabilitación etc.

 


O Día do Dano CerebralO Día do Dano Cerebral Adquirido celébrase desde 2007, ano no que o Consello de Ministros oficializou o 26 de outubro como data para dar visibilidade ao colectivo de persoas con DCA. Desde entón, este día converteuse nun espazo de reivindicación das inquedanzas e necesidades de atención das persoas con DCA e súas familias. Hoxe o dano cerebral é o primeiro motivo de discapacidade e dependencia en España sendo as súas causas principais o ictus, os traumatismos cranioencefálicos, os tumores cerebrais, a falta de osíxeno no cerebro por paradas cardiorespiratorias etc.

 

Categorías: Día do Dano Cerebral

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información