Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
Hoxe tivemos un almorzo informativo cos medios de comunicación locais para presentar un avance das actividades coas que celebraremos o noso 25 aniversario. Luciano Fernández, presidente da entidade, anunciou os actos que terán como colofón un acto o 19 de decembro, data do nacemento de Sarela.
Luciano Fernández agradeceu o colaboración e compromiso que desde sempre amosaron os medios de comunicación en Santiago como activos para sensibilizar socialmente sobre a problemática do Dano Cerebral Adquirido en xeral e sobre Sarela, hoxe Dano Cerebral Santiago de Compostela, desde o seu nacemento en 2000.
Precisamente este ano a entidade celebrará o seu 25 aniversario. Cinco lustros nos que o que foi no seu nacemento unha asociación de familias nacida da urxencia de dar a atención básica en rehabilitación e asesoramento hoxe é unha entidade referencia na atención ao DCA e que cobre case todas as fases de atención especializada que precisa unha persoa cando sae do hospital despois dun ictus, un traumatismo cranioencefálico etc. O lema elixido para a celebración deste aniversario, “25 anos de retos superados”, fai referencia a todos os fitos acadados pola asociación ata o que hoxe é e cun modelo de atención centrado na autodeterminación da persoa.
Para celebrar este aniversario as actividades que xa están pechadas son as seguintes, e que terán o seu primeiro acto este sábado 14 de xuño.
XUÑO
Sábado 14 de xuño.
Ioga no parque. Sesión de ioga solidario en colaboración con Zona Zen Bertamiráns.
11:00 h no parque do Restollal (ao carón da zona de paseo reservada para cans).
Doazón: 10 euros. Tamén se pode colaborar coa “Esterilla Cero”.
XULLO
Sábado 5 de xullo
Foliada cun xantar a base de polbo, churrasco... e con música, xogos tradicionais... no campo da festa do Castiñeiriño (detrás do antigo colexio Ramón Cabanillas). Tamén poderemos mercar diferentes produtos como un queixo especialmente feito pola queixería Anzuxao.
OUTUBRO
26 de outubro.
Día do Dano Cerebral.
NOVEMBRO
3ª edición de “Raquetas en acción”, torneo solidario de pádel, squash e tenis a favor da asociación. Organizan o club de tenis-pádel Squash Santiago, Golán Squash Academy (de Borja Golán) e 2Más Academia de Tenis e Pádel (de Alicia Seijas).
DECEMBRO
19 de decembro. Acto de celebración do 25 aniversario. Salón de actos do colexio Lasalle.
Edición dun conto infantil
Coincidindo co acto lanzaremos un conto infantil (8-11 anos) con texto de Rosa Aneiros, ilustración de Hadrián Jamardp e edición de Uqui Permuy. En colaboración co Concello de Santiago e a Deputación da Coruña.