Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
O domingo 3 de decembro unhas 100 entidades sociais de toda Galicia conmemoran un ano máis o Día Internacional das Persoas con Discapacidade coa iniciativa colaborativa “Baixo o mesmo paraugas. Galicia pola diversidade” para reivindicar unha sociedade máis xunta e igualitaria para todas as persoas.
O Día Internacional das Persoas con Discapacidade foi declarado en 1992 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas (mediante a resolución 42/7) e o seu obxectivo é promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidades en todos os ámbitos da sociedade e o seu desenvolvemento, así como concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida política, social, económica e cultural. En definitiva, para concienciar sobre a complexidade dos problemas da discapacidade e os desafíos aos que se enfrontan as persoas con discapacidade en todo o mundo.
Baixo o mesmo paraugas. Galicia pola diversidade naceu en 2016 na cidade da Coruña e en Santiago celébrase conxuntamente desde 2018 para reivindicar que as persoas con discapacidade sexan consideradas como cidadáns de pleno dereito. Actualmente celébrase na Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.
Na comarca de Compostela esta iniciativa cooperativa está impulsada por Sarela (Asociación de Dano Cerebral de Compostela), Acem (Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple), Aspamite (Asociación de pais de persoas con discapacidade de Teo), Down Compostela, Fegadace (Federación Galega de Dano Cerebral), Fegadem (Federación Galega de Esclerose Múltiple), Amipa (Asociación de Pais e Nais de Persoas con Discapacidade Intelectural da comarca do Sar), Aspanaes e Fagal (Federación Alzheimer Galicia).
Este ano, debido á coincidencia en domingo, non se celebrará a “paraguada” que se realizaba na praza do Obradoiro pero as entidades organizadoras chaman a participar na campaña “Abre o teu paraugas!” en redes sociais. Como facelo?
1. Colle un paraugas colorido e grava un vídeo moi curto de non máis de 15 segundos, no que ti ou máis persoas digades mensaxes positivas a favor das persoas con discapacidade, a igualdade, a inclusión...
2. Comparte o vídeo nas túas redes sociais cos hashtags #BaixoOMesmoParaugas #AbreTuParaguas #Diversidade #Discapacidade entre o 27 de novembro e o 3 de decembro, e etiqueta a @galiciadiversa.
Abre o teu paraugas polas persoas con discapacidade!!