Dano Cerebral Santiago reivindica o papel esencial das asociacións de familias e reclama o compromiso real e sostido das institucións

26/10/2025

Carmen, Miguel, Juan, Purificación, todas persoas con dano cerebral ou familiares doutras con esta discapacidade, foron as encargadas de pór voz ao manifesto lido hoxe na celebración do Día do Dano Cerebral. Ao acto, celebrado no hotel Oca Puerta del Camino, asistiron unhas 200 persoas que representaban a base social da asociación: persoas socias, profesionais, voluntarias/os, colaboradores/as etc.

Tamén estiveron presentes representantes institucionais como a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, a concelleira de Dereitos e Políticas Sociais, María Rozas, a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña García Abeijón, así como representantes de todos os grupos políticos do Concello de Santiago como María Baleato e Nerea Barcia do Partido Popular, Gumersindo Guinarte do PSdeG-Psoe e as concelleiras non adscritas Mercedes Rosón, Milagros Castro e Marta Álvarez.

O encontro comezou ás 11:00 horas coa actuación do grupo de pandeireteiras da Asociación cultural Rosalía de Castro de Cacheiras. Ao rematar a actuación deuse lectura ao manifesto que este ano quixo reivindicar o papel das asociacións impulsadas por familias ao coincidir co 30 aniversario da federación estatal Dano Cerebral Estatal. Esta longa traxectoria coincide tamén co 25 aniversario de Dano Cerebral Santiago, unha das entidades máis antigas do España.

O 26 de outubro é unha data para lembrar que en España viven máis medio millón de persoas con Dano Cerebral Adquirido. Unha data para chamar a atención sobre á súa realidade e a das súas familias, recoñecer os seus dereitos e reclamar unha atención adecuada ás súas necesidades.

Como si di no manifesto foron “décadas nas que persoas con DCA e familias xeramos espazos de apoio, comprensión e defensa dos nosos dereitos”. “As asociacións de dano cerebral son, desde fai tres décadas, un motor de transformación social. Son espazos de reunión e esperanza, onde as persoas atopan comprensión, información, terapias e apoios que non achan noutros lugares. Son, sobre todo, comunidades que constrúen dignidade”.

Carmen, Miguel, Juan, Purificación tamén puxeron voz ás principais reivindicacións do colectivo e que son:

1. A creación dun código diagnóstico específico de DCA á alta hospitalaria para mellorar o seguimento e a atención desde o primeiro momento. As persoas con dano cerebral adquirido ingresan no hospital, habitualmente de urxencia, por calquera das súas causas: un ictus, un traumatismo cranioencefálico, unha anoxia, un tumor cerebral... Cando reciben a alta, tamén se corresponde con eses diagnósticos, de xeito que, aínda que presenten secuelas, non están identificadas como ‘dano cerebral adquirido’.

Esta circunstancia complica o acceso os recursos de atención máis axeitados e especializados na nosa discapacidade, rachando en moitas ocasións coa continuidade asistencial. É por iso que a demanda dun código diagnóstico de dano cerebral adquirido á alta hospitalaria

2. Unha Estratexia ou Plan Nacional de Atención ao DCA que coordine recursos, servizos e apoios de forma integral;

3. A elaboración dun censo estatal de persoas con DCA que permita coñecer cifras reais que contemplen todas as causas;

4. O acceso a unha atención integral, inclusiva e universal que contemple ás familias e á diversidade de realidades, como os e as menores con DCA infantil, as persoas con DCA gravemente afectadas ou con problemas de saúde mental, ou as persoas en situación de maior vulnerabilidade.

No manifesto tamén se reclama “a urxencia de contar con máis recursos especializados, apoios técnicos e persoais que garantan a autonomía, a formación específica de profesionais e oportunidades reais de participación social e ocio inclusivo. E, especialmente, o recoñecemento para unha discapacidade a miúdo invisible, que require acompañamento e apoio continuado.

Categorías: Día do Dano Cerebral

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información