Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
O mércores 17 pechamos a conmemoración do 25 aniversario da asociación cun acto celebrado na Cidade da Cultura de Galicia no que se repasaron a historia da entidade desde a súa fundación o 19 de decembro de 2000. Un camiño que comezou grazas á iniciativa e á forza dun grupo de familias e profesionais que tiñan unha convicción moi clara: unha vida salvada merece ser vivida con dignidade.
Ao acto, conducido pola xornalista Ainhoa Apestegui, asistiron unhas 400 persoas entre familias socias, profesionais, persoas voluntarias, colaboradores/as etc. Na parte institucional, asistiron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a Valedora do Pobo, Mª Dolores Fernández Galiño; a conselleira de Política Social, Fabiola García e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, así como representantes dos grupos do Parlamento de Galicia e do Concello de Santiago, entre outros representantes institucionais.

O acto estivo dividido en tres partes para, a través de outros tantos vídeos, achegarnos aos inicios, aos retos superados e aos retos futuros da asociación. Un dos momentos máis emotivos da celebración foi o recoñecemento a José Balboa, fundador da asociación, como presidente de honra. Este recoñecemento foi anunciado polo actual presidente da asociación, Luciano Fernández, acompañado de toda a xunta directiva da mesma. Desafortunadamente, José Balboa non puido asistir a este acto ao estar por motivos persoais. O recoñecemento foi recollido no seu nome por Miguel Anxo García, psicólogo clínico no Hospital Clínico de Santiago, e fundador tamén da asociación.



A segunda parte do acto xirou en torno a unha mesa redonda na que participaron María Rozas (concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude no Concello de Santiago); Mar García Vidal (deputada de Política Social na Deputación da Coruña) e Begoña García Abeijón (directora xeral de Persoas con Discapacidade na Consellería de Política Social e Igualdade). Na mesa, conducida por Noelia López, secretaria da asociación, analizouse o traballo da entidade nestes 25 anos e como cambiou o coñecemento e valoración social do dano cerebral.

Este segundo bloque do acto rematou coa intervención da Conselleira de Política Social, Fabiola García, quen destacou a estreita colaboración existente entre a entidade e a Xunta de Galicia na atención ao dano cerebral e á dependencia.

“Come a lavadora dunha vez!”
A última parte da celebración xirou en torno ao retos de futuros da asociación, simbolizado nos nenos e nenas con dano cerebral ás que vai dirixido o conto que se presentou no acto. “Como a lavadora dunha vez!”, conta a particular relación que Noelia, a nena protagonista, ten coa súa nai que ten dano cerebral como consecuencia dun ictus. Na presentación participaron a escritora Rosa Aneiros; o ilustrador Hadrián Jamardo e a deseñadora Uqui Permui, xunto coa terapeuta ocupacional da asociación Majo Hermida.


O acto, que na parte musical contou coa colaboración de “Sons das flores” (proxecto musical, social e pedagóxico nacido no CEIP Vicente Risco de Vigo, que demostra como a música pode ser unha verdadeira ferramenta de cambio e de crecemento persoal) foi pechado pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.
