Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
Profesionais do Servizo de Axuda no Fogar de Trazo, Ordes e Frades participaron nunha charla sobre disfaxia impartida polas logopedas de Dano Cerebral Santiago de Compostela. A iniciativa, xurdida a partir dunha guía elaborada pola entidade, busca achegar coñecementos e ferramentas prácticas para mellorar a atención e a seguridade das persoas con dificultades de deglución no ámbito domiciliario.
O 30 de xuño Dano Cerebral Santiago de Compostela impartiu unha charla sobre disfaxia no Concello de Trazo, dirixida ao persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Na formación participaron tamén profesionais dos concellos de Ordes e Frades, interesadas en adquirir ferramentas para mellorar a atención ás persoas con dificultades de deglución.
Esta iniciativa enmárcase no labor que a entidade desenvolve a través do seu Servizo de Información e Asesoramento a Familias, desde o que, ademais de ofrecer apoio ás familias, se promove a Intervención Comunitaria a través da coordinación cos profesionais dos recursos sociosanitarios da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza.
Esta charla ten a súa orixe na guía sobre disfaxia elaborada polas logopedas da entidade para dar resposta ás dúbidas máis frecuentes das familias. A partir dese traballo xurdiu a iniciativa de trasladar tamén estes coñecementos ao persoal do Servizo de Axuda no Fogar, ofrecendo recomendacións prácticas que lles axuden no acompañamento diario das persoas con dificultades de deglución.
Durante a xornada abordáronse aspectos teóricos sobre a disfaxia, os seus riscos e as principais medidas de prevención, así como cuestións prácticas fundamentais para o día a día. Ademais, realizouse unha demostración de adaptación de texturas de alimentos e bebidas, mostrando que é posible preparar comidas seguras sen renunciar ao sabor nin ao pracer de comer.
Ata o momento, Dano Cerebral Santiago de Compostela xa impartiu tres accións formativas sobre esta materia, unha delas nunha residencia de persoas maiores, consolidando así unha liña de traballo orientada a achegar coñecemento aos profesionais que atenden persoas con dano cerebral adquirido e outras patoloxías neurolóxicas.
A formación dos profesionais que acompañan ás persoas no seu fogar é fundamental para mellorar a súa seguridade, saúde e calidade de vida. Desde a entidade seguiremos traballando para sensibilizar á sociedade e compartir coñecemento sobre a disfaxia e outras secuelas do dano cerebral adquirido, contribuíndo a unha atención cada vez máis segura, inclusiva e de maior calidade.