Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
Hoxe celebramos a primeira reunión coas persoas usuarias dos nosos servizos que participarán no proxecto EUTERPE_adn. Na mesma tamén estiveron representantes das familias e profesionais da asociación. Este proxecto transfronteirizo, liderado pola Universidade de Santiago de Compostela e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), unirá a diferentes entidades de Galicia e Portugal.
Chegar a comprender a relación molecular que existe entre os xenes e os estímulos externos é a base sobre a que se asenta o proxecto EUTERPE_adn, ‘Rede transfronteiriza para o estudo da música como terapia nas enfermidades neuropsicomotoras e o envellecemento: unha aproximación dende a expresión xenética e a neuropsicoloxía’.
Ao aproveitar o poder terapéutico da música, o proxecto ten como obxectivo mellorar o benestar e a calidade de vida de persoas con demencia/alzhéimer ou dano cerebral, así como en persoas maiores. En colaboración coa Universidade do Minho, o consorcio combina a experiencia en investigación biomédica coa terapia musical.
Para iso, van levar a cabo talleres de música durante un curso completo, con músicos profesionais e con experiencia en atención á diversidade, da Cooperativa de Músicos ao Vivo e a Casa da Música do Porto. A intervención musical estará baseada na escoita de diferentes tipos de música, a investigación das músicas da súa vida, o canto a través dun coro, a improvisación musical ou facer música en grupo. Un obxectivo que persegue este proxecto de investigación lonxitudinal, é poder estudar os beneficios de diferentes actividades musicais a diferentes niveis biomédicos. Por iso realizaranse 5 avaliacións, a primeira xa neste próximo mes de xuño, para estudar o impacto da música na saúde e o benestar das persoas.
Douscentos pacientes de sete centros
Os obradoiros vanse desenvolver en tres centros da Asociación Galega de axuda aos enfermos con demencia tipo Alzhéimer (AGADEA) en Vedra, Rianxo e A Estrada, e na sede de Sarela en Santiago de Compostela. En Portugal, realizaranse en dúas residencias da Santa Casa da Misericordia do Porto e na casa dá Memoria de Mim de Matosinhos (Associação Portuguesa de Familiares e Amigos de Doentes de Alzhéimer).
O proxecto ten unha duración de tres anos, e tras a programación musical e o deseño dos protocolos biomédicos, agora en xuño comeza o recrutamento de participantes e a primeira avaliación neurospicolóxica, así como a primeira recollida das mostras biolóxicas (sangue a través dunha pequena punción capilar nun dedo, e saliva a través dun frotis bucodental). En outubro comezarán os talleres de música nos sete centros, a razón de dous días á semana. O estudo culminará coa publicación dos resultados, así como os materiais utilizados, e un Libro Blanco.