Resumo e conclusións da xornada sobre inclusión sociolaboral "Trazando Camiños"

21/06/2024

Onte desenvolveuse en Santiago o primeiro encontro estatal que Dano Cerebral Estatal promove en 2024 sobre a problemática da inclusión sociolaboral das persoas con DCA. Sarela foi a encarga de de organizar esta xornada que reuniu en tres mesas a profesionais do ámbito da orientación sociolaboral, representantes de empresas e institucións, e persoas con dano cerebral para describir a situación actual e analizar experiencias de éxito e boas prácticas extrapolables ao ámbito do Dano Cerebral.

A xornada "Trazando Camiños"  foi aberta por Luciano Fernandez, secretario de Sarela e presidente de Dano Cerebral Galicia (antes Fegadace), por Begoña Hermida, directora de Dano Cerebral Galicia e membro da directivo de Daño Cerebral Estatal. Luciano Fernández sinalo que “Sarela, como tantas outras asociacións, naceu pola urxencia de atender a necesidades das persoas e familias ás que non se lles daba resposta. Os primeiros servizos foron os de apoio ás familias, de rehabilitación, de atención diúrna e así fomos intentando cubrir todas as fases vitais destas persoas”.

Fernández destacou que “Sarela leva desde o ano 2012 traballando na preparación da vida independente, a integración comunitaria e a inserción sociolaboral das persoas con dano cerebral, unha vez superan a fase de rehabilitación”. “Neste camiño -continuou- ter unha estratexia de todas as asociacións e federación do movemento asociativo é fundamental”.

Pola súa banda, Begoña Hermida destacou que “malia que o marco legal establece que as persoas que adquiren unha discapacidade teñen dereito a continuar desempeñando o seu traballo dunha forma eficaz e eficiente, cos axustes razoables que resulten precisos, en España só o 13,5% das persoas con dano cerebral traballa”. “Ante un panorama tan complexo, desde a Federación quixemos articular unha resposta común, útil para todos os territorios, e baseada nunha mirada multidisciplinar, en consonancia co modelo de atención que desenvolvemos. Con este fin, en 2021 puxemos en marcha o primeiro Plan Integral de Emprego para persoas con Dano Cerebral Adquirido”.

A continuación desenvolvéronse as tres mesas que tiveron como principais conclusións, aplicables ao traballo das entidades de dano cerebral, as seguintes:

Mesa redonda 1 | O camiño do dano cerebral cara a inclusión sociolaboral

Participaron:

  • Noelia Parente, orientadora laboral de Sarela.
  • Beatriz Fernández, coordinadora do programa laboral e ocupacional de ADACEA (Asoc. de Daño Cerebral de Alicante).
  • Vicente Maneiro, persoa con dano cerebral e insertada laboralmente.
  • Isidro Pernas, xerente do centro especial de emprego Problis Envasados S.L.U, e Ana Quintana, neuropsicóloga e responsable da súa unidade de apoio.

Moderou: Rocío García, psicóloga-neuropsicóloga e directora de Sarela.

Os aspectos máis relevantes foron os seguintes:

  1. Importancia de establecer a inserción sociolaboral como un obxectivo máis do proceso de rehabilitación e aplicar para a súa consecución un modelo de itinerarios personalizados baseado na combinación de dúas grandes estratexias. Por un lado, o desenvolvemento dun servizo de formación en contornas laborais reais no que se potencien as capacidades preservadas, se traballe a recuperación emocional (especialmente a autoestima e a seguridade nunha mesma) e se fomente a formación. Polo outro, a aplicación dunha metodoloxía de emprego con apoio, que permita que a persoa manteña o posto no tempo grazas ao acompañamento que se fai no seu acomodamento ao posto, así como á sensibilización do entorno laboral sobre o DCA e as secuelas invisibles. 
  2. Necesidade de visibilizar casos de éxito do modelo desenvolto para demostrar ao sector empresarial que a inserción laboral de persoas con DCA non supón nin un lastre á produtividade, nin unha carga económica, dado que poden ser traballadoras tan produtivas e rendibles como calquera outra.
  3. Necesidade de ampliar o abano de ámbitos laborais nos que se logra a inserción laboral de persoas con DCA dada a tendencia actual a que as oportunidades de emprego para persoas con discapacidade se concentren no sector limpeza ou a industria auxiliar.


Mesa redonda 2 | Percorridos realizados polo terceiro sector na inclusión de colectivos con dificultade de inserción


Participaron:

  • Pilar Míguez, orientadora laboral de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade)
  • Francisco José Rey, técnico de orientación laboral de FADEMGA Plena Inclusión Galicia na cidade da Coruña.
  • Xosé Cuns, director de EAPN-Galicia (Rede galega contra a pobreza).
  • Area López, técnica de atención integral de Saúde Mental FEAFES Galicia.
  • Sandra Mujico, orientadora laboral de Inserta Emplea (Fundación ONCE).
  • Teresa Rodríguez, orientadora laboral da Asociación Plataforma polo Emprego.

Moderou: Noelia Parente. Orientadora laboral de Sarela

Os aspectos máis relevantes foron os seguintes:

  1. A inserción laboral non será efectiva se existen carencias graves noutras áreas vitais. O modelo de atención sociolaboral aplicado polas entidades do terceiro sector participantes na mesa parte da identificación, análise e atención integral das necesidades das persoas usuarias, incluíndo o coñecemento do seu entorno residencial e redes de apoio. Sublíñase que é preciso garantir que estas poden satisfacer as necesidades básicas (vivenda, saúde, alimentación) antes de iniciar o proceso de busca de emprego.
  2. As necesidades, sentires e expectativas da persoa en busca de emprego deben situarse no centro do proceso. O servizo de orientación laboral debe favorecer a participación activa das persoas usuarias na construción da folla de ruta e na toma de decisións dos pasos a dar.
  3. A colaboración coas Administracións públicas e o seguimento e vixilancia do seu accionar segue a ser preciso para garantir o dereito de acceso á oferta de emprego público das persoas con discapacidade. Malia os avances lexislativos, seguen producíndose irregularidades (por exemplo, con convocatorias nas que non existen temarios adaptados para persoas con discapacidade intelectual) e o establecemento da comunicación por vía electrónica como medio preferente xera novas barreiras de accesibilidade cognitiva.
  4. As oficinas de emprego dependentes da administración pública non coñecen suficientemente a realidade e necesidades particulares das persoas con discapacidade e moitas veces non toman en consideración ás entidades especializadas e centros especiais de emprego como recursos aos que realizar derivacións, como si sucede entre entidades do terceiro sector.
  5. Os servizos de orientación laboral das entidades do terceiro sector vén dificultado o seu labor debido a problemas estruturais e compartidos, como a excesiva burocratización, á que deben destinar unha dedicación de tempo que se resta á atención directa, e á precariedade e inestabilidade laboral derivada da fórmula de contratación temporal vinculada a convocatorias de axudas da administración autonómica.

 

Mesa redonda 3 | O impulso da inclusión sociolaboral desde as institucións públicas.


Interviron:

  • Adolfo Pena, responsable do Servizo de emprego municipal do Concello da Estrada
  • Jose Manuel Pazó, orientador laboral do Concello de Porto do Son
  • María José Alonso, xefa de sección do Servizo de orientación laboral da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
  • Maria Dolores Otero, xefa de servizo de orientación laboral da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.

Moderou: Leticia Vila. Técnica de formación de FEGADACE

Os aspectos máis relevantes foron os seguintes:

  1. As Administracións públicas deben liderar desde o exemplo a través da posta en marcha de programas de apoio que, mediante un enfoque integral, atendan tanto necesidades laborais como psicolóxicas e sociais.
  2. Os servizos de emprego dependentes das Administracións públicas carecen da formación, recursos e capacidade técnica precisa para atender as necesidades de persoas con discapacidade, polo que a eficacia dos programas públicos de inclusión sociolaboral depende da colaboración e da construción de alianzas coas entidades especializadas do terceiro sector.


O peche das xornadas correu a cargo de Montse Terceiro, que é membro do Grupo de Primeira Persoa de Sarela, e de Marta Mariño Regueiro, Directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Montse Terceiro, como persoa con dano cerebral, lembrou que “o traballo, a realización persoal a través do desenvolvemento profesional e a independencia vital que dá ter un emprego remunerado, son fundamentais.

“Como se sinalou durante a mañá, o reto é que as persoas con dano cerebral (e iso é extensible a todas as persoas con discapacidade) vexamos que é real o dereito a traballar en igualdade de condicións. Dereito que consagra o artigo 27 da Convención dos dereitos das persoas con discapacidade”.

“Desta mañá, podemos tirar a conclusión de que non existe un só camiño para acadar ese obxectivo. As experiencias que vimos ao longo da mañá demostran que existen diferentes fórmulas para o éxito na inclusión social das persoas que están en risco”.

O punto final da xornada púxoo Marta Mariño Regueiro, Directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración quen puxo en valor a aposta da Xunta polo emprego inclusivo. Neste eido, afirmou Mariño, a Xunta está a desenvolver a segunda Estratexia da Economía Social Horizonte 2027 coa que se aspira a impulsar a cohesión social e do territorio, xerando emprego inclusivo, igualitario e solidario.

A economía social, en palabras de Mariño, crea emprego inclusivo e, por iso, o Goberno galego aposta por este modelo económico e porque, ademais, xera riqueza no territorio e axuda a fixar poboación no rural. “A nosa aposta polo emprego inclusivo tamén se pon de manifesto no apoio ás entidades que traballan coas persoas máis vulnerables”, destacou e lembrou neste eido os diferentes programas de axudas que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ten en marcha.

Mariño sinalou, ademais, o proceso de escoita activa que está a reforzar a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración coas entidades da discapacidade para seguir impulsando o emprego inclusivo e indicou o apoio da Xunta ás demandas do colectivo na tramitación da nova Lei estatal de economía social co propósito de afianzar esta fórmula empresarial solidaria en Galicia.

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información