Conmemoración dos días do Dano Cerebral e do Ictus cun encontro de familias, lectura do manifesto e mesas informativas

20/10/2025

O domingo 26 é o Día do Dano Cerebral e o mércores 29 o Día Mundial do Ictus e celebrarémolos con diversas actividades. O acto principal do Día do DCA será un encontro de todas as familias da asociación e a lectura do manifesto común a todas as entidades do Estado. No Día Mundial do Ictus teremos mesas informativas nos hospitais de Santiago e Ribeira e nalgúns centros de saúde da área sanitaria.

Domingo 26 de outubro - Día do Dano Cerebral Adquirido

O Día do Dano Cerebral Adquirido celébrase desde 2007, ano no que o Consello de Ministros oficializou o 26 de outubro como data para dar visibilidade ao colectivo de persoas con DCA. Desde entón, este día converteuse nun espazo de reivindicación das inquedanzas e necesidades de atención das persoas con DCA e súas familias.

O acto principal de Dano Cerebral Santiago de Compostela será un encontro ao que están convidadas todas as persoas e familias con DCA da asociación, voluntarias/os, institución e colaboradores. Este ano, debido á coincidencia coa Carreira Pedestre, non se celebrará a andaina pola cidade vella e a lectura do manifesto non se fará na Praza do Obradoiro.

Este acto desenvolverase no hotel Oca Puerta del Camino á partir das 11:00 con música en directo e a lectura do manifesto ás 12:00. O manifesto ten como título "30 anos construíndo dignidade" (podes lelo neste enlace) en referencia á celebración do 30 aniversario da federación Dano Cerebral Estatal que agrupa a todo o movemento asociativo de España. Tres décadas nas que persoas con DCA e familias crearon espazos de apoio, comprensión e defensa dos seus dereitos.


Mércores 29 de outubro - Día Mundial do ICTUS

O mércores 29 de outubro conmemórase o Día Mundial do ICTUS. Esta enfermidade está intrinsecamente relacionada co dano cerebral pois é a súa primeira causa: case o 85% dos casos de DCA son debidos a un ictus, moi por diante doutros motivos como os traumatismos cranioencefálicos, tumores cerebrais, infeccións etc.

Isto fai que o ictus sexa a primeira causa de discapacidade, en forma de dano cerebral, e a primeira causa de falecemento en mulleres (a segunda se contamos os dous sexos). Cada ano, en España, unhas 24.000 persoas falecen e máis de 34.000 persoas desenvolven unha discapacidade por esta enfermidade. Foron o resultado dos case 120.000 ictus que houbo en todo o Estado.

A pesar da gravidade da situación menos do 50% da poboación española recoñecería os síntomas desta enfermidade e sabería como actuar. Por este motivo celebraremos o Día do ICTUS con presenza nos hospitais e nalgúns centros de saúde da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza. Concretamente instalaremos puntos de información nos seguintes centros sanitarios:

Hospital Clínico Universitario de Santiago de 10:30 h a 13:00 h.
Hospital Barbanza (Ribeira) de 10:30 h a 13:00 h.
Centro de Saúde de A Estrada de 10:00 h a 13:00 h.
Centro de Saúde de Lalín de 10:00 h a 13:00 h.
Centro de Saúde de Arzúa de 10:00 h a 13:00 h..
Centro de Saúde de Mazaricos de 10:00 h a 13:00 h.
Centro de Saúde de Rianxo de 10:00 h a 13:00 h.

Estas mesas informativas serán atendidas por profesionais e persoas socias da entidade. Durante esa mañá informarase sobre aspectos como identificar correctamente cando está a suceder un ictus para reaccionar a tempo; pautas de vida saudable ou dos pasos a seguir en caso de que o ictus derive nun dano cerebral.

Categorías: Día do Dano Cerebral

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información