Continúa o proxecto Euterpe_adn coa realización dos obradoiros de música

27/01/2025

Este proxecto transfronteirizo, liderado pola Universidade de Santiago e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), busca comprender a relación molecular entre os xenes e os estímulos externos. Para iso parten do poder terapéutico da música e no proceso realízase un seguimento do grupo de persoas colaboradoras a través da recollida de mostras (sangue e saliva) en diferentes momentos do estudio.

Euterpe_adn é un proxecto financiado a través dos fondos Interreg (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) España – Portugal. O seu obxectivo principal é explorar o impacto terapéutico da música en persoas maiores e nas que presentan deterioro cognitivo e dano cerebral.

En colaboración coa Universidade do Minho, o consorcio combina a experiencia en investigación biomédica coa terapia musical. Ao aproveitar o poder terapéutico da música, o proxecto ten como obxectivo mellorar o benestar e a calidade de vida de persoas con demencia/alzhéimer ou dano cerebral, así como en persoas maiores.

Estudo en tres anos
Este proxecto representa un esforzo pioneiro para abordar desafíos sociais mediante a xenómica e a neuro-psicoloxía xuntas e que se estenderá durante 3 anos. Nunha primeira fase deseñáronse os protocolos biomédicos e a programación musical.

Tras o recrutamento de participantes entre as entidades sociais participantes fixéronse as primeiras avaliacións neurospicolóxicas e recollidas das mostras biolóxicas (sangue a través dunha pequena punción capilar nun dedo, e saliva a través dun frotis bucodental).

Neste momento estanse a desenvolver os talleres de música, a razón de dous días á semana. O estudo culminará coa publicación dos resultados, así como os materiais utilizados, e un Libro Blanco.

Dúascentas persoas participantes de sete centros
Os obradoiros estanse a desenvolver en tres centros da Asociación Galega de axuda aos enfermos con demencia tipo Alzhéimer (AGADEA) en Vedra, Rianxo e A Estrada, e na nosa sede de Santiago de Compostela. En Portugal, realizaranse en dúas residencias da Santa Casa da Misericordia do Porto e na casa dá Memoria de Mim de Matosinhos (Associação Portuguesa de Familiares e Amigos de Doentes de Alzhéimer).

Tomás Rábanos, de Músicas ao Vivo, nunha das sesións celebradas na sede da asociación.

 

Os talleres de música están deseñados e conducidos por músicos profesionais e con experiencia en atención á diversidade. Nos caso das entidades galegas a entidade que participa é a cooperativa de Músicos ao Vivo e nas portuguesas a Casa da Música do Porto.


A intervención musical está baseada na escoita de diferentes tipos de música, a investigación das músicas da súa vida, o canto a través dun coro, a improvisación musical ou facer música en grupo.

Un obxectivo que persegue este proxecto de investigación, é poder estudar os beneficios de diferentes actividades musicais a diferentes niveis biomédicos. Por iso realizaranse 5 avaliacións, a primeira no mes de xuño de 2024, para estudar o impacto da música na saúde e o benestar das persoas.

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información