Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
Organizado pola Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE).
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) organizan un curso en liña sobre ‘Dano cerebral adquirido e prevención. Un espazo para a intervención dende o voluntariado’. O prazo de inscrición está aberto ata o 9 de maio ás 14:30 hh. O curso vaise desenvolver durante un mes, do 12 de maio ao 11 de xuño.
Esta actividade formativa está dirixida a persoal técnico e voluntariado das entidades inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria da Xunta de Galicia. A súa duración é de 20 horas, todas elas en liña, e ten como obxectivo capacitar ás persoas voluntarias para desenvolver e colaborar en actividades destinadas á prevención do dano cerebral adquirido (DCA).
O curso está estruturado en tres módulos. O primeiro deles titúlase, a modo de introdución, ‘As persoas con Dano Cerebral Adquirido’, e nel aportarase información de contexto sobre a discapacidade e a súa incidencia en Galicia. O segundo módulo está dedicado a ‘A importancia da prevención e a información’. Detalla os factores de risco e incide nas maneiras de promover a súa prevención, dependendo das diferentes causas do DCA (se para o ictus é importante promover uns hábitos de vida saudábeis, no caso dos traumatismos cranioencefálicos é fundamental evitar accidentes de tráfico desde a educación viaria). Por último, o terceiro módulo dedícase a ‘O papel do voluntariado no eido da información e prevención coas condutas de risco’, dividindo as recomendacións en diferentes espazos de intervención: asociacións, escolas, centros de día, recursos sociosanitarios…
A formación vai estar titorizada pola traballadora social e directora da Asociación de Dano Cerebral de Lugo (ADACE), Vanesa Mariño, que atenderá as dúbidas e aportacións do alumnado a través da plataforma dixital. Todos os contidos do curso están elaborados por FEGADACE e fundamentados na experiencia tanto de prevención como de voluntariado das cinco asociacións de dano cerebral federadas.
A matriculación -gratuíta- tramítase desde a Plataforma de Teleformación de Voluntariado, na páxina web Voluntariado Galego, cubrindo un pequeno formulario de inscrición.
Información e imaxe extraídas do blog de FEGADACE.