Día Internacional das Persoas con Discapacidade | O manifesto do Movemento CERMI reclama fogares accesibles, alcanzables e inclusivos.

03/12/2024

Hoxe, 3 de decembro, conmemoramos o Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade e o movemento social da discapacidade, agrupado en torno ao Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) e á Fundación CERMI Mujeres, facemos público un manifesto no que se incide no dereito das persoas con discapacidade a ter unha vivenda e hábitat inclusivos.

A vivenda digna e adecuada como dereito fundamental para a vida independente

Con ocasión do Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade, que cada ano se celebra o día 3 de decembro, no correspondente ao ano 2024, o Movemento social da discapacidade agrupado en torno ao Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) e a Fundación CERMI Mulleres fai público o seguinte

Manifesto

O ben social básico da vivenda, condición dun hábitat inclusivo, non é un asunto máis para as persoas con discapacidade e as súas familias, e para o seu sector social representativo; é hoxe, por dereito propio, o gran asunto, e máis vai ser nun futuro inmediato. 

A vivenda é o soporte vital da autonomía e a independencia das persoas con discapacidade. Constitúe o “campamento base” do que partir para lograr outros cumios, entendidos como bens ineludibles para a súa completa participación comunitaria e inclusión social.

A vivenda resulta o tronco necesario do que deben brotar ramificacións en todas as esferas vitais da persoa con discapacidade.

Toda persoa con discapacidade ten dereito a vivir nun domicilio libremente elixido cos apoios que precise e pertencendo e participando da súa comunidade. Para que ese dereito resulte efectivo, pedimos ao ben básico da vivenda estes tres elementos:

  • Que sexa accesible.
  • Que sexa alcanzable.
  • Que sexa inclusiva. 


Vivenda accesible

A accesibilidade é condición esencial para que o dereito a unha vivenda digna e adecuada sexa efectivo para as persoas con discapacidade. A Constitución Española (artigo 47) establece o dereito a unha vivenda que ha de ser digna e adecuada, o que comprende a accesibilidade universal. O novo artigo 49 dese mesmo texto reforza esa obriga ao declarar o dereito das persoas con discapacidade a contornas universalmente accesibles. 

O noso país sofre un acusado déficit de accesibilidade no parque de vivendas. Case o 70 % non reúnen condicións de accesibilidade para persoas con discapacidade e persoas maiores.

Para que unha vivenda sexa accesible deben terse en conta estes tres eixos:

  • as medidas de accesibilidade universal propiamente ditas (arquitectónicas, sensoriais auditivas e visuais, para a comunicación e cognitivas),
  • o deseño para todas as persoas,
  • a realización das adecuacións e os axustes razoables para as contornas preexistentes, que os fagan accesibles.

Para avanzar no obxectivo irrenunciable da accesibilidade a e da vivenda, o Movemento CERMI expón o seguinte programa de acción:

  • Reforma inmediata da Lei de Propiedade Horizontal, para impoñer como obrigatorias para as comunidades de propietarios as obras e actuacións de accesibilidade, sen límites nin restricións.
  • Incorporar a accesibilidade como condición de todos os plans públicos de rehabilitación e adecuación de vivendas e contornas urbanas.
  • Incluír de oficio a información sobre as condicións de accesibilidade universal na ficha do edificio obrante no Rexistro da Propiedade e nas canles e soportes administrativos de edificación.
  • Creación por Lei dun Fondo Estatal de Promoción da Accesibilidade Universal, dotado con 1,5 % dos orzamentos de ministerios investidores, que destine os seus fondos a actuacións de accesibilidade do parque de vivendas.
  • Establecer polos poderes públicos e Administracións dunha oferta viva, actualizada, transparente e suficiente de vivendas accesibles.
  • Garantir o cumprimento efectivo das disposicións legais estatais e autonómicas de reserva de vivenda protexida para persoas con discapacidade (artigo 32 da Lei Xeral de Dereitos das Persoas con Discapacidade e da súa Inclusión Social, reserva do 4%).
  • Modificar a regulación do Fondo Reina Letizia para amplialo e que permita dedicar partes dos seus recursos a accións de accesibilidade no parque de vivendas.


Vivenda alcanzable

As barreiras ao ben básico da vivenda non son só materiais, senón tamén económicas, pois as persoas con discapacidade e as súas familias son generalizadamente máis pobres e soportan máis exclusión social que aquelas que non presentan discapacidade. É preciso atallar con vigor a pobreza habitacional das persoas con discapacidade, e, en particular, das mulleres, que acusan máis privación material e están máis expostas á exclusión socioeconómica.

Para avanzar no obxectivo irrenunciable dunha vivenda alcanzable, o Movemento CERMI expón o seguinte programa de acción:

  • Declarar oficialmente a preferencia absoluta das persoas con discapacidade e as súas familias nas políticas, estratexias e programas públicos de vivenda, que terán trato de grupo prioritario.
  • Crear novas prestacións públicas para persoas con discapacidade en materia de vivenda como axuda pública para levar a cabo tránsitos habitacionais inclusivos, que permitan ás persoas con discapacidade residentes en centros culminar con éxito programas individuais de desinstitucionalización.
  • Regular unha fiscalidade proactiva para as persoas con discapacidade e a súa contorna familiar que minimice o esforzo económico na adquisición, mantemento, rehabilitación ou transmisión da vivenda.
  • Considerar e favorecer o estatuto das entidades non lucrativas da discapacidade como propietarias sociais de vivenda para poñer ao dispor das necesidades habitacionales das persoas con discapacidade.


Vivenda inclusiva

As persoas con discapacidade necesitan novas formas de habitabilidade e convivencia, con enfoque inclusivo e innovador, que faga realidade a vida independente na comunidade de pertenza e a participación social.

Unha vivenda inclusiva é a base para unha vida independente nunha contorna comunitaria.

Para avanzar no obxectivo irrenunciable dunha vivenda inclusiva, o Movemento CERMI expón o seguinte programa de acción:

  • Regular normativamente fórmulas habitacionales innovadoras (vivendas colaborativas etc.), que dean saída á iniciativa de persoas e grupos e entidades de discapacidade.
  • Despregar estratexias de desinstitucionalización que, para o seu éxito, deben pivotar sobre o orzamento de dispoñer dunha vivenda, a cuxo fin se deben hibridar políticas sociais e de vivenda que preveñan a institucionalización e favorezan o tránsito a formas de vida inclusiva e independente (a tal fin ten que se xeneralizar a asistencia persoal etc.).
  • Garantir a protección reforzada das persoas con discapacidade contra a privación da vivenda (desafiuzamentos, falta de pagamentos hipotecarios e de rendas etc.).
  • Deseñar políticas públicas de vivenda con enfoque de xénero e dereitos da muller, que favorezan o acceso e goce da vivenda das mulleres con discapacidade, especialmente aquelas en as que interseccionan diferentes factores de exclusión, como a idade ou a ruralidade.
  • Impulsar políticas públicas de vivenda que teñan en conta as necesidades da mocidade con discapacidade, asegurando o dereito das persoas mozas a elixir onde, como e con quen vivir, con todos os apoios que se precisen.
  • Dar resposta ás necesidades de vivenda das persoas con discapacidade en situacións de catástrofes e emerxencias que teñen impacto directo neste ben de primeira necesidade.


A vivenda, e a súa consecuencia, un hábitat inclusivo, é tema de capital importancia na axenda política do movemento social das persoas con discapacidade. O noso lugar no mundo, como persoas con discapacidade, se debate na posibilidade de dispoñer e gobernar un espazo propio, ao que podamos considerar fogar, poroso e intercomunicado, desde o que sexa posible abrirnos a unha vida en comunidade satisfactoria. O noso campamento base para conquistar o cumio, a inclusión.

 

3 de decembro de 2024

 

CERMI
www.cermi.es

Fundación CERMI Mulleres
www.fundacioncermimujeres.es

Podes ler este manifesto en versión de lectura fácil neste enlace da web do CERMI.

Categorías: Discapacidade
Tags: CERMI

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información