Éxito do Concerto Solidario por 25 anos de retos superados

16/11/2025

Moitas grazas a todas as persoas que fixeron posible o Concerto Solidario que celebramos este sábado. Especialmente a todos os nenos e nenas da Bandiña e Coro da Escola Municipal de Música de Santiago, aos seus mestres e mestras, ás súas familias por acompañarnos; ao Coro Harmonia Stellae; ao grupo Charamuscas; ao todo o equipo do CIPF Politécnico de Santiago polas facilidades e o gran traballo de sala ese día; a Ramón Castro por conducir tan ben o acto e a todo o público que nos acompañou.

Este concerto solidario foi un os actos de celebración dos 25 anos da asociación no que, como dixo o xornalista Ramón Castro, a asociación mira atrás con orgullo e cara adiante con ilusión. “Celebran algo máis que un aniversario. Celebran 25 anos de esforzo, de esperanza e responsabilidade compartida. Un camiño que comezou grazas á iniciativa e á forza dun grupo de familias e profesionais que tiñan unha convicción moi clara: unha vida salvada merece ser vivida con dignidade, como di o seu lema”.

Ramón Castro destacou que “a asociación traballa día a día para mellorar a vida das persoas con dano cerebral adquirido e das súas familias, ofrecendo apoio, rehabilitación, orientación e, sobre todo, compromiso. Cada paso dado, cada pequeno logro, cada reto superado, son o resultado do esforzo conxunto das persoas usuarias, das familias, dos profesionais, do voluntariado e de todas as persoas e entidades que, dun xeito ou doutro, apoiamos o seu traballo”.

Durante as case dúas horas de concerto polo escenario pasaron a Bandiña e Coro da Escola Municipal de Música de Santiago, o coro Harmonía Stellae e o grupo Charamuscas de música tradicional.

A Bandiña, está formada por arredor de 35 nenos e nenas de entre 8 e 12 anos, e serve como primeira experiencia de interpretación instrumental en grupo. Pola súa parte, o Coro Infantil está composto por rapaces e rapazas que comezan a descubrir o pracer de cantar en conxunto.

No concerto, ambas agrupacións uniron as súas forzas para interpretar unha canción conxunta, combinando instrumentos e voces nun momento especial que reflicte o espírito colaborativo e educativo da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela.

A segunda actuación correu a cargo da  Coral Harmonia Stellae,  un coro mixto compostelán con máis de quince anos de traxectoria. Actualmente é coro residente do CIFP Politécnico de Santiago, casa que hoxe nos acolle.

Formado por trinta e tres voces, Harmonia Stellae aposta pola formación continua e pola paixón pola música coral, participando en numerosas citas culturais e colaborando con agrupacións como a Real Filharmonía de Galicia e a Banda Municipal de Compostela.

O remate e a festa chegou da man de e Charamuscas, unha formación activa desde o 2014 que busca na alegría e na animación o seu norte musical. O grupo, formado por 15 músicos e fundamentalmente vocal, combina gaitas, acordeón e percusións tradicionais cunha forza que non precisa amplificación para chegar ao corazón do público. Unha característica de Charamuscas é que a maioría dos seus membros teñen cegueira ou discapacidade visual grave, o que fai que sexa unha formación única.

O acto rematou coa intervención de Luciano Fernández, presidente da asociación, quen agradeceu o compromiso de todas as persoas que fixeron posible o concerto.

Categorías: 25 aniversario

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información