José Balboa deixa a presidencia da asociación tras 25 anos de entrega ao movemento asociativo

28/03/2025

Na tarde do venres 28 celebráronse as asembleas xerais ordinaria e extraordinaria da asociación nas que, entre outros asuntos, se elixiu nova xunta directiva e se aprobaron as contas de 2024, o orzamento para 2025 así como o IV Plan estratéxico e o plan de actuación para este ano. Luciano Fernández foi elixido novo presidente da asociación tomando o relevo de José Balboa, quen foi fundador da entidade e presidente durante 25 anos.

José Balboa foi unha das persoas fundadoras de Sarela, a Asociación de Dano Cerebral de Compostela, en decembro de 2000. Este grupo de familias fundadoras autoorganizáronse co xusto propósito de acadar a atención que os seus familiares (fillos/as, esposas e maridos, pais e nais etc) non recibían nun sistema público claramente insuficiente e onde o dano cerebral adquirido non era recoñecido e unha discapacidade esquecida.

Desde ese ano, no que se fundaron tamén Adaceco na Coruña e Alento en Vigo, o movemento asociativo galego do dano cerebral  é un movemento vivo e en crecemento e que se articula en torno á federación Dano Cerebral Galicia (antes Fegadace) e da que Balboa foi o seu primeiro presidente.

Nas palabras de despedida na asemblea de persoas socias, José Balboa agradeceu a traballo de todas as persoas que o acompañaron nas distintas xuntas directivas e recoñeceu o compromiso e entrega de profesionais como Rocío Garcia, directora desde o inicio de Dano Cerebral Galicia e de Miguel Anxo García (psicólogo clínico no Hospital Clínico de Santiago).

José Balboa e Luciano Fernández.

Pola súa banda Luciano Fernández, o novo presidente, agradeceu a entrega de José Balboa á asociación quen antepuxo o ben común de todas ás persoas e familias con dano cerebral ata conseguir unha entidade de referencia en todo o Estado.

Nova Xunta directiva

 Nova Xunta directiva da asociación. De esquerda a dereita: Begoña Souto, Noelia López, Asunción Prieto, Nadia Abdulkadir, Montse Terceiro, Luciano Fernández, Enrique Martínez, Carlos Nieto e Concha Otero.

Tras a asemblea de persoas socias a nova Xunta directiva da asociación está formada por:

Presidente: Luciano Fernández Pintor.
Vicepresidenta: Concepción Otero Sigüeiro.
Tesoureiro: Carlos Nieto González.
Secretaria: Noelia López Álvarez.
Vogais:

  • Asunción Prieto Iglesias.
  • Montserrat Terceiro Rey.
  • Enrique Martínez Parajó.
  • Begoña Souto Carrera.
  • Nadia Abdulkadir Rodríguez.

 

Outros asuntos tratados

Na asemblea ordinaria, celebrada previamente á extraordinaria de elección de Xunta directiva, os temas tratados foron a aprobación das contas e memoria de actividades do exercicio pasado, a aprobación do orzamento e do plan de actuación para o ano en curso, a aprobación do Plan estratéxico da entidade para o período 2025-2028 así como analizar a conmemoración do 25 aniversario da entidade.

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información