A asociación representa a súa última creación coa colaboración especial de María Mera e Rubén Riós.
O grupo de teatro de Sarela estrea esta tarde a súa última creación, ‘Sarela en Camiño’, nunha representación na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. ‘Sarela en Camiño’ lévase ensaiando no obradoiro de teatro desde outubro e está protagonizada polas persoas usuarias da asociación. A representación comeza ás 19:30 e conta coa presenza e colaboración especial da madriña de Sarela, María Mera, e do actor Rubén Riós.
O obradoiro de teatro é unha tarefa semanal das persoas usuarias de Sarela grazas á que reforzan as súas capacidades e melloran a súa inclusión social. Traballan aspectos como a memoria e a concentración ao tempo que desenvolven unha actividade lúdica e divertida.
Nesta representación cóntase, ademais, coa colaboración especial da actriz e presentadora María Mera, madriña de Sarela, e do actor Rubén Riós, que darán unha pequena sorpresa ao público asistente.
O prezo da entrada é de 6 euros e o aforo limitado. Sarela dispoñibiliza tamén unha Fila 0 para as persoas que queiran colaborar coa asociación e non poidan asistir ao evento. Está neste número de conta: ES80 2080 5355 60 3040034346.
‘Sarela en Camiño’ é unha creación das profesionais da asociación concibida como unha obra coral e protagonizada por case vinte persoas con dano cerebral adquirido. Narra as peripecias de dous peregrinos que percorren o mundo de camiño a Santiago, atopando con personaxes diversas en diferentes países.