Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
Este é o manifesto que as 46 entidades que forman parte de FEDACE (Federación Española de Daño Cerebral) leron simultaneamente hoxe, 26 de outubro, con motivo do Día do Dano Cerebral. Nel resúmense as principais reivindicacións do movemento asociativo e que este ano centra as súas reivindicacións nos problemas de accesibilidade cognitiva.
Manifesto polo Día do Dano Cerebral Adquirido
Acceder á versión en lectura fácil [+]
O Dano Cerebral Adquirido é unha lesión que se produce no cerebro por mor dun ictus, dun traumatismo cranioencefálico ou dun tumor cerebral; entre outros motivos. Como consecuencia a túa vida e a da túa familia cambian por completo de maneira súbita e inesperada. Actividades que antes facías sen ningún problema, como usar o transporte público, renovar o pasaporte ou facer unha transferencia bancaria, agora supóñenche un enorme esforzo físico e cognitivo.
O medio millón de persoas con Dano Cerebral Adquirido que vivimos en España temos dereitos, e queremos que estes se respecten e cumpran. Un deles é mellorar a nosa inclusión na sociedade: sentir que somos persoas autónomas e que podemos valernos por nós mesmas. Pero para iso necesitamos que se corrixan moitas cousas no ámbito da accesibilidade universal. A accesibilidade non é só que poidamos entrar sen dificultades a un edificio; tamén existen obstáculos que dificultan a nosa accesibilidade cognitiva.
A cognición é o que nos permite comprender o mundo que nos rodea: entender a sinalización das rúas ou dos edificios públicos, por exemplo. Grazas á cognición aprendemos, reflexionamos e tomamos decisións. Con todo, unha das secuelas máis frecuentes do Dano Cerebral son as alteracións cognitivas, que fan que recursos e ferramentas que antes formaban parte do noso día a día agora as vexamos como un crebacabezas.
Estas dificultades teñen dous responsables: por unha banda, o propio Dano Cerebral Adquirido, que trastorna o funcionamento normal do noso cerebro. E, doutra banda, as administracións ou empresas que non adecúan a información de carteis, servizos ou trámites ás persoas con problemas cognitivos.
Afortunadamente, desde a Administración Pública vanse dando pasos para que os espazos e recursos sexan accesibles cognitivamente. O pasado 31 de marzo aprobouse a modificación do Texto Refundido da Lei Xeral de Dereitos das Persoas con Discapacidade e da súa Inclusión Social, que establece e regula a accesibilidade cognitiva. Con todo, aínda queda moito por facer e por avanzar.
Hoxe, 26 de outubro, Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido, queremos demandar que se cumpran os nosos dereitos e que poidamos facer uso dos recursos públicos en condicións de accesibilidade plena. As persoas con Dano Cerebral Adquirido necesitamos recuperar a nosa funcionalidade nas mellores condicións posibles. Que despois de ter un Dano Cerebral podamos entender as indicacións médicas, cambiar sen dificultade o noso empadroamento ou coller o autobús.
Para iso é necesario que existan ferramentas e recursos para o cumprimento e a reivindicación efectiva de dereitos, e tamén que se desenvolvan e executen plans estratéxicos para a accesibilidade en contornas sanitarias, xurídicas, educativas e sociais. Na elaboración destes plans debe terse en conta a todos os colectivos de persoas con discapacidade e ás súas familias, así como ás entidades que os representan. É a única maneira para que as propostas de accesibilidade sexan efectivas.
Como reivindicacións xerais, desde a Federación Española de Dano Cerebral, que representa a 48 entidades e a máis de 11.000 persoas socias, reclamamos:
Este 26 de outubro, Día nacional do Dano Cerebral Adquirido, as persoas con Dano Cerebral queremos que se escoite a nosa voz e que se atendan as nosas peticións. Queremos que os nosos dereitos sexan respectados, para lograr con eles unha mellora na nosa inclusión social e na nosa calidade de vida, xa que “unha vida salvada merece ser vivida con dignidade”.