Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
Como cada ano as entidades federadas en Dano Cerebral Estatal, antes Fedace, redactan un manifesto conxunto no que recollen as súas demandas e inquedanzas. Este 2024, o movemento asociativo alza a súa voz para reivindicar a necesidade das persoas con DCA e as súas familias de recibir un diagnóstico claro e información suficiente sobre os recursos e alternativas que garantan a súa correcta atención unha vez saen do hospital.
MANIFESTO POLO DÍA DO DANO CEREBRAL ADQUIRIDO
Segundo a Enquisa de Discapacidade, Autonomía Persoal e Dependencia que realiza o Instituto Nacional de Estatística, en España hai 414.680 persoas con Dano Cerebral Adquirido (DCA) como consecuencia dun ictus ou un traumatismo cranioencefálico.
Non obstante, un cerebro san pode verse afectado de maneira repentina por outras causas, como por exemplo infeccións, cirurxías, tumores cerebrais ou anoxias, e as consecuencias no cerebro poden ser as mesmas.
O DCA ten a complexidade que só teñen aquelas circunstancias que transforman a nosa vida por completo: modifica a rutina, os roles dentro da familia, as necesidades, os plans de lecer e a maneira de relacionarse coas demais persoas, entre outros aspectos.
Sexa cal for a causa que provocou a lesión, o proceso de recuperación iníciase no hospital. O momento da alta hospitalaria e a volta a casa, porén, vai acompañado de medo, incerteza e desconcerto.
Neste momento, para as persoas con DCA e as súas familias, quen continúan este proceso máis alá do período hospitalario, é fundamental saber que lles pasa e onde poden acudir.
Desde hai moitos anos, desde as entidades que conformamos o Movemento Asociativo do Dano Cerebral reivindicamos e pedimos a creación dun Código á Alta Hospitalaria que identifique as secuelas diagnosticadas á persoa que, tras unha lesión cerebral, remata a súa etapa hospitalaria e volve para a casa. Desta forma, as persoas con DCA saberán que lles pasa, as familias poderán recibir información e asesoramento para facer máis fácil a vida do/a seu familiar e a súa propia, e os e as profesionais poderán prescribir os recursos que van necesitar e que deben ser garantidos.
O I PLAN NACIONAL PARA O BENESTAR SAUDABLE DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE 2022-2026, editado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, recoñece a importancia do establecemento dunha codificación específica no momento da alta hospitalaria que identifique as persoas con DCA para a garantía efectiva da rehabilitación, así como para identificar se os recursos de atención para elas e para as súas familias son suficientes.
Ás entidades que traballamos con e para as persoas con DCA e as súas familias, axudaranos a dar visibilidade a escaseza de recursos de atención especializados que existen para a magnitude de persoas que os necesitan. Pero para as persoas con DCA e as súas familias, quen continúa este proceso máis aló do período hospitalario, será fundamental para poder ter información sobre o que lles pasa e onde poden acudir.
Coñecer cantas persoas teñen Dano Cerebral Adquirido, en que situación se atopan e que necesidades teñen é unha información extremadamente valiosa para garantir uns servizos públicos, de calidade, especializados e que respondan ás necesidades do total de persoas con Dano Cerebral Adquirido e das súas familias.
Aproveitamos este 26 de outubro, Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido, para insistir na necesidade de seguir traballando para conseguir o Código DCA á Alta Hospitalaria,