Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
Reproducimos o manifesto que, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, fai público a Fundación Cermi Mujeres, unha organización creada polo Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) para a defensa e acción do pleno goce de todos os dereitos humanos e liberdades fundamentais das mulleres e nenas con discapacidade.
8 de marzo 2025 | Día Internacional da Muller
Manifesto da Fundación Cermi Mujeres
Conmemorando o 30 aniversario da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing, que supuxo un fito fundamental para o recoñecemento da saúde e os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres no mundo, particularmente daquelas que viven cunha discapacidade;
Tomando nota de que, a pesar da conmemoración do 25 aniversario da Resolución 1325 do Consello de Seguridade da ONU sobre Muller, Paz e Seguridade, as mulleres e nenas seguen sendo utilizadas como instrumento de guerra e sometidas a condicións de apartheid de xénero en moitas zonas do mundo, sufrindo violencia sexual extrema, trata e explotación, desprazamentos forzados e outras violacións graves e sistemáticas dos seus dereitos humanos, o que en moitos casos ademais provócanlles discapacidades físicas e psicolóxicas permanentes;
Preocupadas por que, a 5 anos vista do logro da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, as mulleres e nenas con discapacidade están lonxe de alcanzar o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible nº 5 sobre igualdade de xénero e as súas metas específicas;
Observando que, a pesar de que a Unión Europea adoptou a Directiva sobre a loita contra a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica, e ratificou o Convenio do Consello de Europa sobre prevención e loita contra a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica (Convenio de Istambul), non se dispón de datos sobre a violencia contra as mulleres e nenas con discapacidade, nin se tipificaron como delito as prácticas nocivas que en moitos casos sofren por razón de sexo e discapacidade;
Celebrando a mención específica ás mulleres e menores con discapacidade na Constitución Española, tras a reforma do seu artigo 49, o que foi un fito histórico sen precedentes en ningunha outra constitución do mundo;
Aplaudindo o recente consenso político maioritario para sacar adiante a aprobación dun novo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que reforza medidas de prevención, atención e reparación ás vítimas, e que toma en consideración a situación específica daquelas que teñen ou adquiren unha discapacidade como consecuencia de tal violencia,
A FUNDACIÓN CERMI MUJERES, COMO EXPRESIÓN ORGANIZADA DAS VOCES DAS MULLERES E NENAS CON DISCAPACIDADE DE ESPAÑA,
DENUNCIA
Que as mulleres e nenas con discapacidade séguense enfrontando a formas agravadas de discriminación en todos os ámbitos da vida, como indican os datos oficiais seguintes:
Total de mulleres con discapacidade en España: 2.570.600.
- Laboralmente activas: 34%
- Paradas: 20,7%
- Laboralmente inactivas: 76%
- Salario medio anual: 20.193€
- En situación de pobreza severa: 14%
- Sen ingresos por traballo ou prestacións: 22,4 %
- En carencia material e social severa: 13 %
- Analfabetas: 6,9 %
- Que dispoñen dos apoios que precisan para a súa educación: 52,6 %
- En infravivenda ou en vivenda con carencias graves de construción e salubridade: 10,1 %
- Sen os tratamentos médicos que precisa: 7 %
- Institucionalizadas: 2 de cada 3 persoas que residen nunha institución
- Vítimas de violencia, trata e explotación: non se coñece. (Fonte: Táboa 12: Indicadores de inclusión social e discapacidade 2023. Informe Olivenza 2023).
Estes datos reflicten a urxencia de adoptar medidas eficaces que garantan a igualdade e a protección das mulleres e nenas con discapacidade.
POR TODO, ESIXIMOS:
1. Unha Lei de Recoñecemento, Reparación e Indemnización ás Vítimas de Esterilización Forzada ou Non Consentida Incapacitadas legalmente por Razón de Discapacidade, garantindo xustiza e reparación para quen foi esterilizadas baixo sentenza xudicial entre 1989 e 2020.
2. Investigar e axuizar todos os casos de prácticas nocivas contra mulleres e nenas con discapacidade, como esterilizacións non consentidas, embarazos forzados, abortos coercitivos, tratamentos involuntarios de anticoncepción e matrimonios ou unións de feito forzados.
3. En liña coa reforma constitucional do artigo 49, unha reforzada consideración das mulleres e nenas con discapacidade na lexislación e na política pública, especialmente en materia de igualdade de xénero, de discapacidade e de infancia, respectivamente, tanto no nivel estatal como autonómico, con medidas transformadoras definidas a partir de obxectivos claros, indicadores precisos, un cronograma factible e unha dotación orzamentaria suficiente.
4. No marco do novo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, levar a cabo unha auditoría inmediata de accesibilidade nos niveis estatal, autonómico e provincial dos centros e servizos de atención a mulleres vítimas de violencia de xénero e violencia sexual, dos xulgados especializados e das campañas e materiais informativos de sensibilización, cun plan urxente de accesibilidade dotado de orzamento suficiente, que conteña prazos claros para asegurar a dispoñibilidade de tales recursos ás vítimas con discapacidade.
5. Garantía de plena accesibilidade dun centro de referencia para a violencia sexual e dun fogar de acollida para as vítimas de violencia de xénero en cada provincia, os cales deberán satisfacer as necesidades específicas que presenten as mulleres e nenas con discapacidade e as nais e coidadoras de persoas con discapacidade.
6. Desenvolvemento, dunha vez por todas, dunha enquisa específica a escala estatal sobre a violencia da que son obxecto as mulleres e as nenas con discapacidade, dentro e fóra do fogar, e en institucións residenciais, que permita facer un diagnóstico efectivo e deseñar unha política pública adecuada para combatela, con medidas para a prevención, protección, detección, atención e rehabilitación e recuperación das vítimas.
7. Dotación de recursos de accesibilidade a todos os xulgados de violencia contra a muller e aos xulgados de menores, garantindo a plena accesibilidade e atención adecuada das súas instalacións, procedementos e servizos.
8. Formación a mulleres e nenas con discapacidade, así como a nais e coidadoras de persoas con discapacidade, particularmente en zonas rurais e en institucións residenciais, sobre os recursos legais dispoñibles para denunciar violacións dos seus dereitos, empoderándoas para presentar denuncias, acceder á asistencia legal gratuíta e beneficiarse da reparación ás vítimas.
Eu si che creo!