Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
Reproducimos o manifesto lido na Praza da Quintana con motivo da presentación da campaña da XSolidaria deste ano.
Hoxe, 2 de abril, as federacións e redes que representamos ao Terceiro Sector galego na loita contra a pobreza e a exclusión social queremos facer unha chamada á sociedade para que, na súa declaración da renda marque o recadro do X Solidario, de Actividades de Interese Social.
Para seguir defendendo os dereitos das persoas máis vulnerables da sociedade, é necesario apoiar ás entidades sociais e aos seus proxectos e programas destinados a favorecer a calidade de vida das persoas. O escenario mundial que se presenta non parece moi esperanzador, e en tempos de crise, as persoas en risco de pobreza soen ser as máis afectadas. Hai millóns de persoas que actualmente dependen da axuda das organizacións do Terceiro Sector para avanzar na loita dos seus dereitos.
Como sabedes, cada ano a Administración permite que as e os contribuíntes decidan o destino do 0,7% dos impostos que se recadan mediante o IRPF. Cando alguén fai a declaración da renda ten CATRO alternativas:
• Marcar o recadro 106 de ‘fins sociais’ (“Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”) e destinar o 0’7% dos seus impostos para que as entidades de carácter social poidan realizar proxectos coas persoas que máis o precisen.
8
• Marcar os dous recadros: ‘Fins sociais’ e ‘Igrexa Católica’ e destinar deste xeito, o 0’7% dos teus impostos a cada un, é dicir un 1’4%.
• Marcar só o recadro da ‘Igrexa Católica’.
• Non marcar ningún recadro e que sexa o Estado quen decide o que se fai con ese 0’7%.
Decidir o que queremos que se faga cos nosos impostos é un dereito que non todo o mundo pon en práctica.
Marcando o X Solidario, o recadro de ‘Fins Sociais’, NIN pagamos máis NIN imos recibir menos cartos no caso das devolucións e podemos contribuír á realización de programas e proxectos para as persoas máis vulnerables.
Porque marcando o cadro de fins sociais loitamos para cambiar a situación de milleiros de persoas, en Galicia 508.697 viven en risco de pobreza ou exclusión social, 12 millóns e medio a nivel estatal.
O apoio das entidades do Terceiro Sector contribúe á mellora da calidade de vida das persoas máis vulnerables da sociedade. Algunhas destas beneficiarias son:
• Persoas en situación de vulnerabilidade ou exclusión social.
• Persoas migrantes e refuxiadas
• Persoas maiores.
• Persoas con discapacidade.
• Infancia e Familia.
• Mulleres e menores vítimas de violencia de xénero.
• Persoas con problemas de adicións.
• Poboación rural
Grazas ao X Solidario, no 2024, 162 organizacións de acción social de toda Galicia, 9 máis que o ano pasado puideron levar a cabo 733 proxectos que beneficiaron a máis de 400.000 persoas, das que 149.477 foron beneficiarias directas.
No 2024 conseguimos que un 53,63% dos contribuíntes galegos e galegas, 793.484 persoas, marcaran o recadro do X Solidario, 18.089 máis que no ano anterior. Recadáronse 2.490.581 € máis1.
Malia o aumento de declarantes que si marcaron o X Solidario, 686.173 aínda non o marcaron. Se o fixeran, teriamos recadado 17.533.781 € máis, traducíndose nun total de 44.053.850 €. A estas persoas dirixímonos especialmente para lembrarlles que:
• Marcar o X Solidario non custa nada. Nin pagas máis, nin che devolverán menos.
• Se xa marcas a casiña da Igrexa, podes marcar tamén a de ‘Actividades de Interese Social’ e aportar o dobre, un 1,4% do teu IRPF.
Ti tes na túa man se queres que o 0,7% dos impostos se destine integramente a programas desenvoltos polas ONG. A transparencia na súa xestión pode obxectivarse a través das diferentes convocatorias da Xunta de Galicia: Política Social e Igualdade, Sanidade e Voluntariado e xuventude.
Á Xunta de Galicia reclamámoslle unha vez máis que reduza a burocracia o máximo posible e unifique todas as convocatorias nunha soa e asegure a súa publicación no primeiro semestre do ano.
Grazas de novo á cidadanía galega por sumarse a esta chamada solidaria e garantir que, coa súa axuda, poidamos seguir avanzando.