Marcar o X Solidario na declaración da renda fai posible proxectos sociais sen pagar máis impostos

02/04/2025

Con actos en Santiago, Vigo, Verín, Lugo, Ferrol, A Estrada, Silleda ou Muros, as entidades sociais galegas animan á cidadanía a marcar o X solidario no recadro 106 “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social” na súa declaración da renda. Persoas usuarias do servizo de SADT participaron no acto celebrado na Praza da Quintana.

As entidades do Terceiro Sector de Acción Social galego,  representadas por EAPN Galicia, CERMI Galicia e Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, reuníronse un ano máis co motivo do inicio da campaña da Declaración da Renda para tentar que máis galegas e galegos se sumen a marcar o cadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”, o chamado X Solidario.

A Praza da Quintana en Santiago acolleu o acto de presentación da campaña onde entidades e persoas beneficiarias fixeron un novo chamamento para que o financiamento económico que chega a través do 0,7% do IRPF continúe crecendo e así posibilite que as ONG poidan seguir prestando servizos e desenvolvendo programas dos que resultan beneficiarias milleiros de persoas.

A iniciativa, que tamén coincide co Día Mundial do Autismo e o seu lema ”Somos infinitos”,  contou coa colaboración do Colexio oficial de Arquitectos de Galicia eo Instituto Europeo Campus Stellae, consistiu na elaboración dun X xigante. A este acto sumáronse outros semellantes en localidades como Vigo, Verín, Lugo, Ferrol, A Estrada, Silleda ou Muros.

Por outra banda, as entidades tamén animaron a todas aquelas persoas que xa están sensibilizadas a apoiar a difusión da campaña, que este ano chega ás redes coa etiqueta #FaiQuePase e #HazQuePase.

A lectura do manifesto correu a cargo da directora da Plataforma de Organización de Infancia de Galicia, Inés Salteiro, o presidente do CERMI Galicia, Ramón Sestayo e o tesoureiro de EAPN Galicia- Rede Galega contra a Pobreza, Miguel Rodríguez.

En palabras de Ramón Sestayo: “o escenario mundial que se presenta non parece  esperanzador, e en tempos de crise, as persoas en risco de pobreza soen ser as máis afectadas. Decidir o que queremos que se faga cos nosos impostos é un dereito que non todo o mundo pon en práctica, motivo polo que pedímoslle á sociedade que marque este recadro, contribuíndo así a mellorar a calidade de vida dos colectivos mais vulnerables”.

Ines Salteiro recalcou que “marcando o X Solidario, nin pagamos máis nin nos devolven menos, e podemos contribuir a realización de programas e proxectos que poden mellorar a situación de milleiros de persoas”.

Finalmente,  Miguel Rodríguez, de EAPN, reclamou á Xunta de Galicia, responsable da regulación do procedemento de reparto de axudas, “simplificación burocrática, unha única convocatoria e a súa publicación nos primeiros meses do ano.”

Un recadro que cada ano suma máis seguidores

Durante o 2024, a campaña recadou en Galicia  26.520.069 €, grazas a que 793.484 contribuíntes (o 53,63% do total) marcaron o X Solidario na súa declaración, o que supón unha recadación de 33’42 € por persoa.

Malia que o resultado dos datos é positivo, cun aumento da recadación de 2.490.581 € con respecto ao ano anterior, con 18.089 persoas máis marcando o recadro 106,  aínda queda traballo por facer. 686.173 contribuíntes seguen sen marcar o X Solidario (566.858 non marcaron ningún recadro e 119.315 só marcaron o da Igrexa). Se todos os galegos e galegas marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 44.053.850 € (17.533.781 € máis).

A nivel estatal, a campaña da renda do ano pasado recadou 512.000.000 € grazas a que máis de 12.300.000 persoas marcaron o X Solidario na súa declaración, o que se traduce nun 52% do total das persoas declarantes.

Unha recadación que contribúe a unha transformación social

Grazas ao X Solidario, no 2024 162 organizacións de acción social de toda Galicia, 9 máis que o ano pasado, puideron levar a cabo 733 proxectos que beneficiaron a mais de 400.000 persoas, das que case 149.477 foron beneficiarias directas.

Os fondos colectados do pasado ano contribuíron a mellorar a calidade de vida da poboación máis vulnerable a través de numerosos proxectos que poñen o foco na inclusión socio laboral, o fomento da autonomía persoal, o envellecemento activo e a prevención de dependencia, a participación activa na vida política e pública, a atención social individualizada ou na conciliación e mediación familiar, entre outros.

Ademais, moitos dos programas dan resposta a novas necesidades derivadas das novas tecnoloxías, ofrecendo aprendizaxe en competencias dixitais, prevención de acoso nas redes, ou detección e actuación ante discursos de odio, axudando a pechar a fenda dixital e educativa.

Dende as entidades de acción social galegas queremos recordar que marcar o X Solidario, o recadro de Fins Sociais, non custa nada. Nin se paga máis nin se devolve de menos e como contrapartida, contribuímos á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan.

 

 

Categorías: Discapacidade

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información