Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
Marta Vázquez ten dano cerebral e é socia da nosa entidade. Desde hai uns anos forma parte do proxecto Nado polo DCA impulsado por Dano Cerebral Galicia e a ADC Arousaman para a promoción do deporte acuático na abordaxe do dano cerebral. O sábado 26 participou e completou a súa primeira travesía a nado en augas abertas nun día cunhas condicións na mar moi complicadas.
O forte vento existente o sábado durante todo o día obrigou a cambiar o percorrido inicial desta sexta edición do Arousaman-Arousawoman que como todos os anos tiña prevista a súa saída desde a praia de Confín no Grove e o remate na praia de Coroso en Ribeira.
Despois de avaliar a situación, os nadadores e nadadoras saíron da praia de Coroso nun percorrido de ida e volta ata a illa da Rúa. Foron aproximadamente 9 km de ida e volta que foron tamén moi duros.
Marta Vázquez completou o percorrido e na chegada foi recibida como os outros nadadores e nadadoras por Manuel Martínez “O Nacho”, impulsor do Arousaman hai 10 anos; polas persoas que formaron parte do grupo de voluntarios e voluntarias da organización; compañeiros de Dano Cerebral Galicia que xunto con Marta forman o Grupo de Primeira Persoa; o presidente da asociación Luciano Fernández; o alcalde de Ribeira Luis Pérez e a directora xeral de Persoas con Discapacidade Begoña Abeijón entre outras persoas.


