Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
A nova intervención artística, situada na rúa do Castiñeiriño, nace dun proceso participativo no que as persoas usuarias de Dano Cerebral Santiago de Compostela foron protagonistas.
A rúa do Castiñeiriño conta xa cun novo mural que achega ao espazo público a realidade das persoas con dano cerebral adquirido (DCA) e contribúe a visibilizar as súas experiencias, capacidades, intereses e reivindicacións.
A iniciativa foi impulsada pola Concellaría de Xuventude do Concello de Santiago de Compostela no marco da colaboración coa entidade, e desenvolveuse a través dun proceso participativo no que participaron persoas usuarias de Dano Cerebral Santiago de Compostela.
Durante este proceso, as persoas participantes compartiron vivencias, ideas, intereses e reivindicacións, achegando a súa propia mirada sobre o dano cerebral e sobre a sociedade na que viven. Todo o recollido serviu como punto de partida para crear a intervención artística.
A encargada de transformar esas ideas nunha obra mural foi a ilustradora e muralista valenciana Galleta María, nun traballo coordinado por 7h Cooperativa Cultural e Dano Cerebral Santiago de Compostela.
O resultado é unha obra que vai máis alá da intervención artística: leva ao espazo público a voz e a mirada das persoas con DCA, xerando un novo punto de visibilidade e sensibilización sobre unha realidade que continúa sendo pouco coñecida para unha parte importante da sociedade.
A localización do mural, na rúa do Castiñeiriño, moi preto da sede de Dano Cerebral Santiago de Compostela, permite ademais que esta mensaxe forme parte do día a día do barrio e sexa visible para as persoas que transitan por esta zona.
Desde Dano Cerebral Santiago de Compostela queremos agradecer ao Concello de Santiago de Compostela o impulso desta iniciativa, así como o traballo de 7h Cooperativa Cultural, Galleta María e, especialmente, das persoas usuarias que participaron no proceso, achegando as súas propias voces para facer posible o mural.
Porque visibilizar o dano cerebral tamén é dar espazo ás persoas que o viven e facer que as súas voces formen parte do espazo público.