Nace A Nosa Lareira, un espazo web onde as familias poden desfrutar de recursos e ferramentas para o seu día a día, relacionarse e compartir tempo, coñecementos e experiencias

07/11/2022

É un recurso novo que será un punto de encontro permanente para as persoas socias de Sarela que desenvolven o rol de coidadoras como a lareira o era tradicionalmente na vida das casas. O obxectivo é crear un recurso a distancia onde se sintan seguras e acompañadas no proceso que están a vivir como persoas coidadoras e enfocado no autocoidado e na formación.

O DCA ten un enorme impacto na persoa con DCA pero tamén en toda a familia, fundamentalmente na persoa que asume o rol de coidadora principal, véndose repercutida a calidade de vida. Polo tanto, a información e o apoio ás familias cunha persoa con dano cerebral adquirido son fundamentais ao ter que afrontar unha nova realidade que chega de forma brusca e inesperada. É por iso que Sarela presta unha atención específica á familia ofrecendo información, formación e atención psicolóxica.

Esta nova sección da web suporá unha mellora na comunicación coas familias socias así como ampliar as formas de atención máis alá da presencialidade e a modalidade online que xa facemos, ofrecéndolles información accesible ás persoas coidadoras de maneira áxil e coa liberdade de acceso á mesma no momento que queiran.

O proxecto inxírese no proceso de transformación dixital iniciado por Sarela hai uns anos. Foi en 2021, no contexto da pandemia no que chegar a todas as familias é moi difícil (confinamentos, medidas de distancia social, control de aforos, tamaño da área sanitaria de Santiago etc), cando o financiamento a través da Fundación Santander (proxecto Santander Social Tech) permitiu a contratación dunha empresa externa encargada do deseño da páxina web.

Contidos
A Nosa Lareira estrutúrase en tres seccións principais: actividades, coidado físico e coidado emocional así como un espazo para a descarga de materiais de interese.

Actividades: as persoas usuarias da web poderán inscribirse nas actividades que se organizarán, tanto presenciais na sede de Sarela como on line, e que tratarán temas relacionados co dano cerebral (coidados, cambios acaecidos ou secuelas, pautas de actuación ante diferentes situacións...) e de autocoidado principalmente.

Quenta o teu corpo é a sección dedicada ao coidado físico e nela achegaranse materiais como vídeos titoriais creados polo equipo de profesionais  de Sarela no que se explican como executar correctamente exercicios e estiramentos co fin de previr molestias ou patoloxías.

En Relaxa a túa mente as persoas usuarias atoparán información útil e práctica para o seu benestar emocional. Nesta sección terán acceso a estratexias e recursos para detectar e manexar a tensión, organizar o día a día, solucionar problemas, manexar emocións, descubrir estratexias e recursos para manter un bo estado de ánimo etc.

A Nosa Lareira xa está activa e pódese acceder a ela na web de Sarela www.sarela.org ou directamente no enlace www.sarela.org/a-nosa-lareira e é preciso o rexistro previo.

Tags: familias

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información