Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
Como cada ano, chegada esta época a representación do noso grupo de teatro foi un momento para a convivencia dos amigos e amigas de Sarela. Esa tarde puidemos ver o traballo de meses que recaeu sobre todo nas actuais persoas usuarias dos nosos servizos ou que o foron nalgún momento.
A sala Mozart do Auditorio de Galicia quedou pequena para o público que acompañou a representación de Neflis-Sarela, a sexta obra do noso grupo de teatro. Persoas con dano cerebral, familiares, voluntarios/as e profesionais participaron na representación, no apoio técnico, na elaboración do decorado, gravación de vídeos etc.
Este ano a representación tivo moitas novidades respecto ao de anos anteriores. A escenografía apoiouse en proxeccións para ambientar as diferentes escenas que conforman Neflis-Sarela e moitos actores e actrices substituíron a súa presenza por vídeos que encaixaban perfectamente na narrativa.
Neflis-Sarela é a nova televisión en liña de Sarela e o público debía elixir a mellor das series que se proxectan nesa plataforma: Verán Anil, Xogo de Cadeiras, Corrupción en Sarela, Revista de Familia e DAC “Doentes até os c…”.
A preparación da obra levou meses de preparación desde a elección do tema a desenvolver, a redacción do guión, os ensaios, deseño de escenografía e vestiarios etc. Moito deste traballo desenvólvese nos servizos da asociación como o centro de día e é unha forma de levar á práctica terapias que teñen que ver coa memoria, a mellora da vocalización, o desenvolvemento de rutinas etc.
Esta foi a sexta obra creada e interpretada polo grupo de teatro. Primeiro foi “Sarela Televisión”, despois “Sarela en camiño”, seguiulle “En Sarela non hai quen viva”, “Sarela e a Fábrica de chocolate” e o ano pasado “Amar en tempos de Sarela”.