O Arousaman - Arousawoman “Manolo O Nacho” cumpre 10 anos de nado solidario polo Dano Cerebral

18/07/2025

A travesía a nado na ría de Arousa celebra o 26 de xullo a súa sexta edición. Un total de 65 nadadores e nadadoras participarán nesta proba que une a praia de Confín (O Grove) coa de Coroso (Ribeira). A dureza deste percorrido de 7 millas náuticas (13 km) simbolizan as dificultades polas que pasan as persoas e familias con DCA. A recadación das doazóns recibidas serán destinadas á nosa entidade.

Manuel Martínez O Nacho foi o impulsor en 2015 da primeira travesía a nada entre O Grove e Ribeira para dar visibilidade e apoiar ás persoas e familias con Dano Cerebral. Manuel ten un DCA como consecuencia dun neurinoma do acústico, un tumor cerebral benigno que afecta a 1 de cada 100.000 persoas ao año.

Onte Manuel foi un dos encargados de presentar a nova edición desta proba de nada que se celebra cada dous anos xunto con Juan Ramon Martínez, presidente da asociación da ADC Arousaman; Xabier Vidal, concelleiro de deportes de Ribeira; Luciano Fernández, presidente de Dano Cerebral Santiago de Compostela; Marta Vázquez, socia da nosa asociación e nadadora na proba, e Pablo Mariño, kayakista que prestará apoio na proba.

Manuel Martínez agredeceu a todas as persoas que participan e fan realidade esta proba solidaria e mostrouse moi orgulloso e contento de todo o conseguido nestes dez anos de existencia do Arousaman-Arousawoman. Juan Ramón, irmán de Manolo e unha das persoas que máis enerxía dedica á súa organización, resumiu nunha frase este reto e seus obxectivos: “nós catro horas, eles toda a vida” como chamada de atención para que a sociedade e as institucións reparen na que é a primeira causa de discapacidade e dependencia en España.

Pola súa banda o presidente de Dano Cerebral Santiago, Luciano Fernández, felicitou ao Arousaman-Arousawoman polos 10 anos de traballo despregado para sensibilizar sobre o DCA e agradeceu que durante este tempo fixeran a nosa entidade beneficiaria da recadación da proba. Fernández destacou que o Arousaman representa tres piares importantes como son a sensibilización sobre o DCA, o fomento da vida saudable a través do deporte e a promoción do deporte inclusivo.

Neste aspecto tamén incidiu Marta Vázquez, socia de Dano Cerebral Santiago de Compostela, e que nadará a proba por primeira vez. Marta leva anos formando parte do proxecto Nado polo DCA e esta será a súa primeira proba de longa distancia e coa dureza do Arousaman. Marta agradeceu o  apoio e complicidade de voluntarios como o kayakista Pablo Mariño, presenta na rolda de prensa, e que será o encargado de acompañala na dura travesía do día 26.

Máis información sobre o Arousaman en https://arousaman.org/

Tags: ArousaMan

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información