Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
Obrigadas a construír novos proxectos de vida, as persoas con DCA e as familias cren necesarias medidas e espazos para a inclusión social. Unha, e reiterada ano tras ano, é a creación dunha Estratexia de Atención ao Dano Cerebral Adquirido, consistente en garantir unha atención individualizada e continuada no tempo para buscar a mellor calidade de vida.
Con motivo da celebración do Día do Dano Cerebral Adquirido, Sarela e todo o movemento asociativo reiterou as que son medidas xa inaprazables para garantir a calidade asistencial e de vida das persoas con DCA. Esas propostas tiveron a voz das persoas que leron o manifesto na Praza do Obradoiro o 26-O. Elas, persoas con dano cerebral e familiares, solicitaron medidas para garantir a continuidade asistencial unha vez superada a fase hospitalaria e evitar o desamparo ao que hoxe se enfrontan a maior parte.
Obrigadas a construír novos proxectos de vida, as persoas con DCA e as familias cren necesarias medidas e espazos para a inclusión social do colectivo. Unha das medidas solicitadas, e reiterada ano tras ano, é a creación dunha Estratexia de Atención ao Dano Cerebral Adquirido.
Esta medida consiste esencialmente en garantir, desde o momento en que se produce o dano cerebral (sexa cal sexa a causa: ictus, traumatismo, tumor, enfermidade infecciosa...) unha atención individualizada e continuada no tempo (e polo tanto superando a fase de hospitalización) para buscar coa participación de distintos profesionais, recursos, as familias e sobre todo a persoa que viva coa mellor calidade posible.
Isto conseguirase coa mellora da súa autonomía persoal; participación social; recuperación das redes sociais e familiares; incorporación ao ámbito laboral ou educativo, etc. Partindo de que unha vez pasada a fase aguda a evolución de cada persoa é moi variable, con secuelas heteroxéneas e en grados diferentes, as súas necesidades son tamén distintas. Co tempo, esas necesidades evolucionan normalmente desde o ámbito sanitario ao social e comunitario debido á cronicidade do DCA.
A Estratexia de Atención ao Dano Cerebral Adquirido é un proceso asistencial que vela pola coordinación de recursos e axentes que participan na rehabilitación (non só física) desa persoa. Falamos dos recursos sanitarios, sociais, comunitarios, laborais e educativos e que poden depender de distintas administracións, asociacións, etc.
Isto implica un traballo en equipo, coordinado e corresponsable para poder facer o acompañamento desa persoa na conquista dese obxectivo común que é mellorar as súas condicións de vida grazas á conquista de espazos de autonomía. A abordaxe multidisciplinar e o enfoque integral desa atención serán tamén imprescindibles.