Sarela abre un novo punto de información en Rianxo

26/02/2024

A colaboración do concello fai posible o funcionamento deste punto de información nas dependencias municipais de Servizos Sociais Comunitarios (Estrada de Tanxil, 12) e que tamén atende á poboación Dodro e Lousame. Súmase aos da Estrada, Ribeira, Arzúa, Lalín e Mazaricos que xa viñan funcionando. A atención será gratuíta e con cita previa que se pode concertar no teléfono de Sarela 981 577 037 ou a través dos servizos sociais dos concellos.

Esta mañá o punto de información foi anunciado en rolda de prensa polo alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, o secretario de Sarela, Luciano Fernández Pintor, a concelleira Benestar Social, Igualdade, Maiores e Xuventude, Ana Vidal, e a coordinadora do Servizo de información a familias de Sarela, Olalla Domínguez.

Este é o segundo que entrará en funcionamento na Barbanza ao sumarse ao que xa funciona no hospital de Ribeira. Con este, Sarela xa ten na Área sanitaria de Santiago e Barbanza sete puntos de información: Estrada, Arzúa, Lalín, Mazaricos, ademais de en Santiago e os citados de Ribeira e Rianxo.

O esforzo realizado por Sarela para atender estes puntos de información encádrase no obxectivo de achegar información ás familias con dano cerebral adquirido que viven máis alonxadas de Santiago e detectar as súas necesidades de atención.

O dano cerebral é hoxe a primeira causa de discapacidade e dependencia en España. O ictus, os traumatismos cranioencefálicos, os tumores cerebrais, a falta de osíxeno por unha parada cardiorespiratoria ou un afogamento son as causas máis frecuentes desta discapacidade que hoxe afecta en Galicia a unhas 35.000 persoas. A información e o apoio ás familias cunha persoa con dano cerebral adquirido son fundamentais ao ter que afrontar unha nova realidade que chega de forma brusca e inesperada.


Como funcionan os puntos de información?
Todas as familias dos concellos de Rianxo, Dodro e Lousame, nas que algún dos seus membros teñan dano cerebral, poden pedir cita para asistir a este punto de información que é gratuíto. É necesario cita previa, que se pode solicitar a través do teléfono 981 577 037 de Sarela ou a través dos servizos sociais dos concellos.

No punto de información unha traballadora social de Sarela ofrecerá información e orientación sobre o dano cerebral relacionados coa volta ó domicilio despois da alta hospitalaria, recursos e servizos aos que pode ter dereito a persoa, servizos dirixidos á familia e persoa coidadora. Tamén existe a posibilidade de que a atención sexa a domicilio en función das necesidades das familias.

No funcionamento dos puntos de información será clave a coordinación con outras unidades de referencia como atención primaria de saúde, servizos sociais e outros recursos comunitarios da zona.

Charla informativa o mércores 28 de febreiro
Xunto á atención do punto de información Sarela quere achegar a realidade do DCA á poboación xeral a través de diferentes actividades de sensibilización e prevención como charlas dirixidas a grupos de risco como terceira idade, colaboracións cos colexios e institutos, etc.

Con este obxectivo o vindeiro mércores 28 de febreiro ás 17:00 horas celebrarase no salón de actos do auditorio de Rianxo unha charla dirixida á poboación xeral  na que se abordarán aspectos xerais sobre o dano cerebral: causas, prevención, recursos de atención etc. A charla será dirixida pola educadora social de Sarela Noelia Nieto. É necesaria inscrición previa a través do teléfono 664.185489 ou no correo ana.vidal@concelloderianxo.gal.

 

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información