Protagonizamos a iniciativa “12 comercios, 12 sensibilidades” da man de Trisquel Artesanía

02/12/2025

Esta mañá presentouse no Concello de Santiago as actividades que durante o mes de decembro se desenvolverán dentro desta iniciativa na que cada mes un comercio local dá visibilidade e apoia o labor dunha entidade social. Trisquel acollerá este mes unha exposición centrada na actividade da asociación, un punto de venta de produtos artesanais producidos na asociación e unha charla do catedrático Antonio Salas sobre xenética, entre outras actividade.

Na rolda de prensa de presentación estiveron presentes María Rozas, concelleira de de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude; Xanana Salgado, responsable de Trisquel e Luciano Fernández, presidente da asociación. A deste ano é a segunda edición de “12 comercios, 12 sensibilidades”, unha idea que xurdiu das propias comerciantes da cidade para dar visibilidade desde as súas tendas a 12 iniciativas solidarias con impacto na nosa cidade.

Esta é unha campaña de economía circular e compromiso social que busca favorecer o fluxo de clientela entre pequenos establecementos de diferentes puntos da cidade e de sectores diversos á vez que dá a coñecer e apoia ás entidades solidarias coas que cada comercio colabora.

Na rolda de prensa, a tenenta de alcaldesa María Rozas puxo en valor o traballo que realiza Dano Cerebral Santiago de Compostela e agradeceu á entidade o seu “inmenso traballo ao longo de todo este tempo”, tanto durante a presidencia de Luciano Fernández coma do seu antecesor e socio fundador, José Balboa.

María Rozas valorou tamén a traxectoria de Trisquel Artesanía, situada na rúa da Acibechería, e a súa aposta pola artesanía galega de calidade. “Non é fácil manter case 30 anos unha tenda aberta, e non é fácil facelo seguindo fiel a uns principios moi claros”, afirmou a tenenta de alcaldesa. Nese sentido, situou o establecemento como modelo de pequeno comercio de calidade polo que aposta o Concello de Santiago.

A responsable municipal de comercio amosou a súa confianza en que a participación nesta campaña “12 comercios, 12 sensibilidades” sirva para agrandar o coñecemento da labor da Asociación Dano Cerebral Santiago entre a veciñanza e tamén o seu apoio.

Xanana Salgado, como representante de Trisquel Artesanía, afirmou que pensaron en Dano Cerebral Santiago porque percibían que era unha entidade cun traballo extraordinario pero que, como pasa con outras entidades, ás veces non se lle dá a visibilidade e importancia que merecen.

Xanana destacou que “levamos un ano traballando nas actividades. Ramón M. Nóvoa creou un deseño, a Árbore das conexións, para a conmemoración do 25 aniversario da asociación e con ela elaboramos unhas camisetas que estarán á venda na tenda”.

Unhas das accións principais é a exposición “Máis cerca do que pensas”, que xa se pode visitar na tenda, con fotografías de Ramón M. Nóvoa sobre a actividade das persoas usuarias no centro da asociación ou no entorno comunitario. Un traballo nos que “suma comunicación e sensibilidade -en palabras de Xanana Salgado- para que sexa transformador”. 

Luciano Fernández, presidente de Dano Cerebral Santiago, felicitou a Trisquel e ao Concello de Santiago por esta iniciativa na que “tiveron a sensibilidade de conectar o seu traballo, que ten a súa base fundamental no contacto diario coa xente, con organizacións de carácter social”.

“Cando Xanana e Ramón nos propuxeron a principios de ano colaborar na campaña non o dubidamos en ningún momento. Ademais, o mes de decembro parecía feito para nós. Este ano celebramos o noso 25 aniversario, e foi nun mes de decembro (o día 19 de decembro de 2000) cando se constituíu a asociación”.

“Para nós era unha grande oportunidade estar nunha iniciativa que nos conecta cun sector tan importante en Santiago como é o do pequeno comercio; que dinamiza os barrios da cidade; que mantén esa relación humana e persoal que ás veces botamos en falta”.

Luciano Fernández destacou a capacidade de Ramón M. Nóvoa para captar nas súas fotografías “con sensibilidade, o que para nós, como familiares, representan as persoas con dano cerebral da asociación. Elas son un exemplo de esforzo, confianza, amizade, convivencia e participación na vida social. E tanto nos gustou o traballo que para en 2026 12 destas imaxes nos acompañarán durante o ano no calendario da asociación”.

Fernández tamén puxo énfase no feito de que no punto de venta poidamos adquirir produtos realizados nos obradoiro da entidades. ”Creo que isto tamén forma parte do concepto da economía circular que está no xerme do proxecto “12 comercios 12 sensibilidades”.

Por último Luciano Fernández animou a toda a cidadanía a ir a Trisquel durante todo o mes e destacou a charla que o día 16 dará Antonio Salas, catedrático na Facultade de Medicina de Santiago, co título “Xenes que contan historias”. Este encontro propón reflexionar sobre o poder, e os límites, dunha ciencia que está a transformar a nosa comprensión do ser humano.

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información