Rematan os talleres de música do proxecto Euterpe-Adn

29/06/2025

Estes días rematou o último dos talleres colectivos de música do proxecto Euterpe-Adn. Estes obradoiros comezaron en outubro de 2024 e foron impartidos por Músicos ao Vivo. O primeiro taller foi o de Escoita musical activa, o segundo o de Voz e canto e o terceiro o de Práctica instrumental. Ao remate de cada obradoiro procedeuse á toma de mostras de saliva e sangue para o estudio do impacto da música na saúde e o benestar das persoas participantes.

Desde outubro do 2024 ata xuño de 2025 desenvolvéronse estes tres talleres colectivos de música de 60 horas de duración, impartidos por músicos da Asociación Músicos ao Vivo en Galicia. O primeiro taller da intervención musical, “Escoita musical activa” permitiu o goce musical de calidade, con equipos de audio que seguen estándares óptimos. O repertorio mostrou a riqueza cultural da historia da música, incluíndo música clásica, música tradicional, popular, ou músicas do mundo, xerando motivación e sorpresa. Así mesmo investigouse “as músicas da súa vida” para incluílas nas sesións de escoita como forma de activar a emoción e a memoria. Este obradoiro realizouse entre outubro e decembro de 2024.

O segundo obradoiro desenvolveuse entre xaneiro e abril deste ano e foi o de “Voz e canto” e que empregou a voz como instrumento principal para a expresividade, estimulouse a linguaxe e o canto cunha metodoloxía que incluiu o movemento, o xogo e a sorpresa. Empregáronse diversos formatos: con acompañamento instrumental, a capela, con música gravada, con micrófono ou con improvisacións colectivas.

Entre finais de abril e finais de xuño o centro acolleu o terceiro taller que se baseou na práctica instrumental. Utilizáronse instrumentos musicais de diferentes alturas e posibilidades tímbricas así como instrumentos especialmente adaptados para persoas con dificultades motoras debido ao dano cerebral. As actividades estiveron baseadas en dous piares: por unha banda, a experimentación que posibilita a improvisación musical dirixida e libre, e, doutra banda, a oportunidade de tocar en grupo creando “combos”. 

Categorías: Euterpe-Adn

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información