Ensaios da obra de teatro na sala Mozart no Auditorio de Galicia

Todo preparado para a estrea de "Sarela 211", a nova obra do noso grupo de teatro

27/06/2019

O Auditorio de Galicia é o escenario no que o grupo de teatro de Sarela estreará “Sarela 211” o venres 28 de xuño a partir das 19:30 horas da tarde. Máis de vinte persoas entre usuarios/as dos nosos servizos, familiares e profesionais pasarán polas táboas da sala Mozart para interpretar a que xa o sétimo texto creado polo grupo de teatro de Sarela.

Este ano a acción lévanos a mediados dos anos 70 e desenvolverase da cabalo entre unha fábrica de automóbiles e a prisión na que van dar parte dos seus traballadores. A súa unión porase a proba durante o xuízo pero tamén terán nun concurso moi especial que lle ten preparada a dirección da cadea.

 

A representación do venres é un momento de convivencia no que participan as persoas usuarias dos servizos da entidade (Centro de Día, rehabilitación etc), familiares, voluntarios/as e profesionais. Pero sobre todo é o punto final dun traballo que dura varios meses e que recae esencialmente en persoas con Dano Cerebral Adquirido, desde o deseño da trama até levar o peso da representación.

 

Desenvolvemento de habilidades e obxectivos da representación

 

A Grupo de teatro de Sarela comezou a funcionar hai máis de sete anos polos aspectos positivos que implica esta disciplina. Noelia Parente (educadora social) é a profesional  encargada da súa coordinación. Ela destaca que “preparar a obra de teatro contribúe ao desenvolvemento persoal dos participantes porque require un esforzo, por exemplo, de memoria, promove a confianza e axuda a producir ou descubrir cambios nas súa habilidades. A actividade en grupo falicita a comunicación e a cooperación e polo tanto mellora as súas relacións persoais”. Tamén se traballan aspectos vinculados, por exemplo, á logopedia porque teñen que falar con claridade, proxectando a voz etc.

 

A coordinadora do grupo de teatro destaca que outro dos obxectivos é demostrar que, con independencia das capacidades, dando a oportunidade e cos apoios axeitados, calquera pode subir a un escenario.

 

“Sarela 211" é a sétima obra de teatro do grupo de teatro da asociación. Primeiro foi “Sarela Televisión”, despois “Sarela en camiño”, seguiulle “En Sarela non hai quen viva”, “Sarela e a Fábrica de chocolate”, “Amar en tempos de Sarela” e o ano pasado “Neflis Sarela”. Quen o desexe xa pode reservar as entradas (6 euros) pasando pola nosa sede ou chamando ao 981577037.

 

Categorías: Sarela , Teatro
Tags: Teatro

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información