Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
Esta semana retomamos no Colexio Vilas Alborada de Santiago as charlas de sensibilización sobre Dano Cerebral destinadas e nenos e nenas e que desenvolvemos nos centros de primaria e secundaria. Este obradoiro busca, a través do xogo e a participación, explicar as claves do DCA (causas, secuelas, consellos de prevención, etc) e desenvolver habilidades e estratexias de comprensión desta discapacidade e da diversidade.
O ámbito escolar é, xunto co familiar, o primeiro espazo de aprendizaxe e crecemento social dos nenos e nenas. Por esta razón é importante achegar propostas educativas que contribúan ao desenvolvemento do ser humano desde o fomento de valores como a empatía, a solidariedade, a tolerancia e a aceptación das diferenzas individuais. Estaremos a educar así persoas coa capacidade para promover no futuro un verdadeiro cambio social.
Desde esta perspectiva, o proxecto de sensibilización que Sarela desenvolve nos centros educativos pretende colaborar co equipo dos mesmos na tarefa de sensibilizar e crear actitudes positivas cara ás persoas con discapacidade a causa do dano cerebral adquirido a través dunha serie de actividades de achegamento á súa realidade.
A través dunha metodoloxía lúdica e participativa, baseada en dinámicas de grupo, desenvólvense habilidades e estratexias de cooperación e comprensión da diversidade e do dano cerebral. Acompañando a unha pequena charla, adaptada a cada idade, o equipo de profesionais tamén pon en práctica unha parte vivencial a través das que se poden percibir algunhas das secuelas derivadas do dano cerebral.