Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
A Deputación da Coruña é unha das institucións que anualmente financian a actividade dos servizos de atención ao dano cerebral de Sarela. En 2024 o organismo provincial concedeu unha subvención de 34.000 euros (cun coeficiente de cofinanciamento do 40%) dentro do “Programa FOCVAA: convocatoria do programa de subvencións a entidades sen fins de lucro para o mantemento de programas sociosanitarios”.
A resolución foi publicada no Boletín Oficiál da Provincia do 3 de abril. Esta subvención afianza o Servizo de información, orientación e apoio a familias que é un elemento fundamental e gratuíto para as persoas e familias con DCA.
O proxecto que será apoiado desde a Deputación da Coruña busca paliar a situación de desorientación provocada pola falta de información á que normalmente se enfrontan as familias de persoas con DCA. Esta carencia é estrutural na nosa contorna sociosanitaria e provoca un choque emocional e organizativo na familia ademais de dificultar a procura de recursos e a toma de decisións importantes.
As actividades que se desenvolverán neste programa subvencionado pola Deputación da Coruña son:
Informar e asesorar individualmente á persoa e familia sobre o DCA e as súas necesidades.
Asesorar na tramitación de axudas, prestacións e servizos requeridos.
Realizar sesións formativas e de capacitación sobre as consecuencias e estratexias de manexo nos coidados dun familiar con DCA.
Favorecer unha mellor e rápida derivación a recursos axeitados a través da coordinación entre profesionais sociosanitarios.