Un 47% de contribuíntes aínda non marca o cadro 'X Solidaria'

09/04/2015

As ONG poñerán en marcha 1.236 programas destinados a mellorar as vidas de 6 millóns de persoas.

Unha de cada dúas persoas contribuíntes marcou o ano pasado na súa declaración da renda o cadro de Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social, máis coñecido como a 'X Solidaria'. Cos 285 millóns de euros recaudados, as ONG poderán poñer en marcha no próximo exercicio proxectos de acción social, de cooperación internacional e de medio ambiente. Ademais, presentouse unha nova ferramenta, o 'Programa PadreX', que pretende sensibilizar a todas aquelas persoas que aínda non coñecen cales son as vantaxes de dar un destino solidario aos seus impostos.
 
En total, en 2015, as entidades sociais acometerán 1.236 programas de acción social, o que supón case un 9% máis que o ano pasado, que beneficiarán a máis de 6 millóns de persoas no noso país. Ademais, destinarase un 19% á cooperación internacional e un 1,4% a programas destinados á protección do medio ambiente.
 
Á presentación da campaña 'X Solidaria' 2015, acudiron a Directora Xeral de Servizos para a Familia e a Infancia do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Salomé Adroher; o Presidente da Plataforma do Terceiro Sector, Luciano Poyato e o Presidente da Plataforma de ONG de Acción Social, Juan Lara, así como distintas persoas que son beneficiarias dos programas e servizos que desenvolven as ONG con cargo ás cantidades recadadas vía IRPF.
 
O Presidente da Plataforma de ONG de Acción Social, Juan Lara, sinalou que "aínda hai un gran número de persoas contribuíntes, concretamente un 29%, que non marca cadro ningún, e un 18% que só marca o cadro da Igrexa Católica, o que significa que hai un 47% de persoas que aínda non marca a 'X Solidaria'".
 
Así, Juan Lara invitou ás persoas contribuíntes a que convertan o acto de facer a declaración da renda nun momento feliz, engadindo que "marcar o cadro 'X Solidaria' na renda é un xesto que non nos custa nada e que beneficia directamente a 6 millóns de persoas en risco de exclusión social". "Nin pagaremos máis, nin nos devolverán menos do resultado da nosa declaración", insistiu.
 
Neste sentido, Luciano Poyato considerou que marcar este cadro pode parecer un acto de escaso valor que, con todo, "ten unhas consecuencias fabulosas, efectos moi reais sobre millóns de familias". Ademais, o Presidente da Plataforma do Terceiro Sector explicou que para chegar a maior número de contribuíntes este ano púxose en marcha o 'Programa PadreX', unha ferramenta que pretende concienciar "a todas as persoas que aínda non coñecen ou esquecen marcar o cadro da 'X Solidaria' na súa declaración da renda" e asegurou que "non é un xesto menor senón unha decisión libre, consciente e comprometida que mellora as vidas de máis de seis millóns de persoas".
 
Na clausura, Salomé Adroher destacou que, malia os esforzos realizados polas entidades do Terceiro Sector e o Ministerio, segue sendo necesario continuar sensibilizando ás persoas contribuíntes sobre os programas sociais que se poñen en marcha con estas subvencións. En concreto, este ano 2015, máis de 220 millóns de euros destinaranse a atender a persoas con necesidades básicas de urxencia, persoas en situación de pobreza e poñer en marcha servizos de prevención contra a exclusión social, así como de atención a familias e infancia en situación de precariedade social e económica.
 
Por iso, "consciente do importante labor que desenvolven as ONG en favor das persoas máis vulnerables, o Ministerio desexa continuar e incrementar a súa colaboración co Terceiro Sector", sinala Adroher, e informa de que o Goberno aprobou recentemente dous proxectos de Lei, do Terceiro Sector de Acción Social e de Voluntariado, que van reforzar o papel das entidades sociais e da cidadanía no apoio solidario ás persoas máis vulnerables e que investiu novos recursos na loita contra a pobreza infantil.
 
Marcar o cadr do 0,7% do IRPF é un xesto solidario que non supón ningunha achega nin gasto adicional por parte da cidadanía. A persoa contribuínte non pagará máis na súa declaración nin lle devolverán menos. Ademais, pode simultanear a casilla de Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social coa da Igrexa Católica. Deste xeito, aportará un 0,7% a cada unha das dúas opcións de forma que a axuda non se divide senón que se suma (0,7% 0,7%; 1,4%).
 
Información extraída da páxina web de FEGADACE.
 
    Cartel X Solidaria 2015
Categorías: Terceiro sector

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información