Unha marcha unirá O Milladoiro e Santiago para apoiar a ampliación de Dano Cerebral Santiago de Compostela.

30/09/2026

O vindeiro 24 de outubro, ás 10:00 h, comezará en O Milladoiro a I Marcha de Prevención do Dano Cerebral, unha andaina solidaria que nos levará ata a sede de Dano Cerebral Santiago de Compostela.

O vindeiro 24 de outubro, ás 10:00 h, comezará en O Milladoiro a I Marcha de Prevención do Dano Cerebral, unha andaina solidaria que nos levará ata a sede de Dano Cerebral Santiago de Compostela.

                                                    Inscríbete aquí       

A iniciativa, organizada pola Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Novo Milladoiro (AEPEM) coa colaboración dos concellos de Ames e Santiago de Compostela, nace coa vontade de unir prevención, hábitos de vida saudables, sensibilización e solidariedade. E para nós ten, ademais, un significado especial: a meta estará precisamente no lugar que estamos a ampliar para poder seguir atendendo a máis persoas con dano cerebral adquirido.

Serán 4,9 quilómetros para camiñar xuntos, sen competicións nin categorías, aproveitando boa parte da senda peonil e ciclista que conecta O Milladoiro con Santiago. Un percorrido pensado para compartir, coñecer e poñer o dano cerebral no centro da conversa.

Porque o dano cerebral adquirido pode aparecer de maneira súbita e afectar a calquera persoa. O ictus, as paradas cardiorrespiratorias e os traumatismos cranioencefálicos están entre as súas principais causas. Falar de prevención é importante, pero tamén o é lembrar que, cando o dano cerebral chega, contar con rehabilitación e apoio especializado pode marcar unha gran diferenza.

A meta está na nosa casa

A chegada será na nosa sede, na rúa Pedro Cabezas González, 3. Alí agardaremos ás persoas participantes e algunhas das persoas usuarias acompañarán os últimos metros da marcha.

Tamén participarán persoas usuarias e familias da entidade, que poderán incorporarse á marcha en diferentes puntos do percorrido. Deste xeito, facilitamos que cada persoa poida participar adaptándose ás súas posibilidades.

A chegada será tamén un momento para compartir, coñecer o noso traballo e apoiar o proxecto de ampliación das nosas instalacións. Cada vez son máis as persoas que precisan dos nosos servizos e necesitamos máis espazo para poder seguir acompañándoas.

Por iso, esta marcha tamén é unha forma de apoiar ese proxecto. A inscrición ten un custo de 8 €, que inclúe o seguro e o donativo, e o remanente destinarase integramente á ampliación. Para quen non poida participar, existe tamén unha fila 0 de 3 €.

Unha chegada para quedar

A xornada non rematará coa chegada. Na nosa sede estará instalada a tenda solidaria de Dano Cerebral Santiago de Compostela, con produtos elaborados polas persoas con dano cerebral, así como un posto con produtos típicos da gastronomía galega doados por empresas colaboradoras. Todo estará á venda para que tanto as persoas participantes como quen se achegue poida seguir colaborando coa causa.

Ademais, como recoñecemento á participación, realizarase un sorteo de produtos doados por empresas colaboradoras do parque empresarial de O Milladoiro, entre elas Clínica Fisioterapia Laura Míguez, Pan de Leis e Unit 365.

Será, polo tanto, unha xornada para camiñar, compartir e coñecer mellor o dano cerebral, pero tamén para seguir sumando apoios a un proxecto que necesitamos para continuar medrando.

Datos da marcha

  • Data: sábado, 24 de outubro de 2026
  • Hora de saída: 10:00 h
  • Saída: Centro Multifuncional do Milladoiro, rúa do Muíño Vello
  • Chegada: Dano Cerebral Santiago de Compostela, rúa Pedro Cabezas González, 3
  • Distancia: 4,9 km
  • Modalidade: marcha popular e non competitiva
  • Inscrición: 8 €
  • Fila 0: 3 €

Organiza: Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Novo Milladoiro (AEPEM) e Dano Cerebral Santiago de Compostela.
Colaboran: Concello de Ames, Concello de Santiago de Compostela e Deputación da Coruña. Así com diferentes empresas colaboradoras coa doazón dos seus produtos.

                                            Podes inscribirte aquí

Queremos agradecer especialmente a AEPEM por impulsar esta iniciativa e aos concellos de Ames e Santiago de Compostela e á Deputación da Coruña polo seu apoio e colaboración. E, por suposto, ás empresas do parque empresarial e a todas as entidades e persoas que están a achegar o seu tempo, recursos e ilusión para facer posible esta marcha.

Grazas por camiñar connosco.


    Cartel I Marcha Prevención Dano Cerebral

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información