Avanzar cara unha cultura inclusiva e accesible centrou a visita do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, á asociación.

20/03/2025

Esta mañá visitou a sede da asociación o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, para coñecer de primeira man os servizos de atención especializada en Dano Cerebral e falar de asuntos relacionados con este área de goberno da Xunta de Galicia. Os temas principais tratados foron a nova lei autonómica de cultura inclusiva e o programa de voluntariado da entidade.

Na reunión mantida cunha representación da xunta directiva da entidade, esta trasladoulle a necesidade de avanzar no desenvolvemento e aplicación efectiva da nova Lei 3/2024, do 5 de decembro, de cultura inclusiva e accesible de Galicia. Esta lei ten por obxecto "promover as condicións para que a participación na vida cultural sexa efectiva, inclusiva e accesible para todas as persoas e remover os obstáculos que a impidan ou dificulten, con especial atención a aquelas persoas en que concorra algún factor de risco de exclusión cultural".

As e os representantes da entidade puxeron o acento nas diferentes e heteroxéneas secuelas do  Dano Cerebral para reclamar a accesibilidade tamén para as persoas con secuelas cognitivas, sensoriais, de conduta, motoras etc.

Fotografía da visita do conselleira de cultura ao servizo de atención diúrna terapéutica

O conselleiro López Campos visitou os servizos da entidade. Na imaxe un momento do encontro coas persoas usuarias do Servizo de Atención Diúrna Terapéutica.

Tamén lle trasladaron ao conselleiro López Campos, que para garantir a accesibilidade universal é imprescindible que os contornos, actividades, obxectos etc sexan cognitivamente accesibles para  súa fácil comprensión e comunicación cos persoas con dano cerebral. Isto é imprescindible para que as persoas con discapacidade, e especialmente con dano cerebral, teñan semellantes condicións e oportunidades para desenvolverse plenamente en sociedade.

Voluntariado
No encontro tamén analizaron o papel do voluntariado, competencia desta consellería, no funcionamento diario de Dano Cerebral Santiago de Compostela. En 2024, 42 persoas participaron no noso programa de voluntariado presencial e virtual que recibiu unha subvención de 1.384 euros da Dirección Xeral de Xuventude.

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información