Visita da alcaldesa de Santiago, Goretti San Sanmartín, e da concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, para coñecer os proxectos da asociación

15/05/2025

Esta mañá Dano Cerebral Santiago de Compostela recibiu a visita da alcaldesa de Santiago, Goretti San Sanmartín, e a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas. No encontro con representantes da xunta directiva da entidade e do grupo de primeira persoa, Sanmartín e Rozas coñeceron a situación actual dos servizos de atención ao DCA e os proxectos nos que está inmersa a asociación como é a ampliación da sede e a celebración do 25 aniversario.

A visita da alcaldesa e da tenenta de alcaldesa e concelleira comezou ás doce do mediodía e foron recibidas polo novo presidente da entidade, Luciano Fernández, a vicepresidenta Concha Otero, e directora Rocío García e o membro do grupo de primeira persoa Alejandro Fuentes. Os principais temas que se trataron na reunión foron os referidos ás obras de ampliación do centro da asociación e a celebración do 25 aniversario.

Obras de ampliación

Goretti San Sanmartín e María Rozas puideron ver en persoa o estado das obras de ampliación da sede que se están a desenvolver nunha parcela cedida o ano pasado polo Concello de Santiago. Neste sentido a xunta directiva da entidade trasladoulle novamente o seu agradecemento pola implicación, unha vez máis, do Concello de Santiago na mellora da atención ás persoas con dano cerebral coa cesións das parcelas nas que se levanta a sede actual e a nova ampliación.

Como xa sucedera co edificio actual (inaugurado en 2016), a ampliación será posible grazas á cesión da parcela polo Concello de Santiago. Esta cesión demanial por un prazo de 30 anos foi aprobada o 26 de agosto e poderá ser prorrogada até os 75 anos.

Esta parcela ten unha superficie de 305 metros cadrados e nela estase a levantar un novo edificio que  vai estar conectado co actual. A ampliación das instalacións vén motivada polo medre do número de persoas usuarias nos servizos especializados existentes e a creación doutros novos novos para mellorar a atención ás persoas con dano cerebral en cada unha das fases polas que pasan estas persoas e familias.

Na actualidade hai unha media dunhas 160 persoas usuarios dos diferentes servizos (rehabilitación, centro de día, orientación laboral, autonomía persoal e inclusión social, e terapia acuática). O obxectivo é trasladar á nova fase toda a parte ambulatoria, principalmente a de rehabilitación, e ampliar o horario para poder prestar tamén unha atención temperá aos nenos e nenas.

25 aniversario

Na xuntanza tamén se lles informou sobre as actividades que a asociación está a planificar para a celebración do seu 25 aniversario. O 19 de decembro, Dano Cerebral Santiago de Compostela cumpre 25 anos dedicados a axudar, apoiar e sensibilizar sobre o dano cerebral. Para celebrar este fito, estanse a  preparar unha serie de actividades e eventos especiais, nos que participarán tanto usuarios e as súas familias como profesionais, persoas voluntarias, colaboradores etc.

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información