Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
Esta maña participamos na lectura do manifesto común para todas as entidades galegas que participamos na iniciativa Baixo o mesmo paraugas. O acto celebrouse na Praza do Obradoiro ás e foi simultáneo cos que se fixeron tamén nas cidades e vilas da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Cee, Ribeira, Porto do Son, e A Pobra do Caramiñal.
“Baixo o mesmo paraugas” naceu hai 10 anos para reivindicar que as persoas con discapacidade sexan consideradas como cidadáns de pleno dereito. Na nosa cidade esta edición está impulsada por Dano Cerebral Santiago de Compostela, Down Compostela, Acem, Amipa, Dano Cerebral Galicia, Fegadem, Feafes e Apacaf. Precisamente foron persoas representantes destas entidades as encargadas de ler o manifesto #XENTE10.
Manifesto polo Día Internacional das Persoas con Discapacidade
#XENTE10
Hoxe celebramos a décima edición de Baixo O Mesmo Paraugas.
Cando en 2016 decidimos unirnos para celebrar xuntos o Día Internacional das Persoas con Discapacidade non podiamos imaxinar chegar tan lonxe.
Dez anos despois en Baixo O Mesmo Paraugas estamos unidas máis de 100 entidades sociais de toda Galicia.
O noso símbolo: o paraugas da igualdade, do respecto e da inclusión.
Porque somos diversos, pero non invisibles.
E hoxe, dez anos despois, queremos dicir ben alto: somos Xente 10.
Xente 10 para estudar, para traballar, para divertirse.
Para ter unha vida propia. Para disfrutar cos amigos.
Para bailar, para crear, para achegar novas ideas.
Xente 10 para amar.
Porque o noso talento é maior que a nosa discapacidade.
É un día para celebrar as nosas fortalezas e defender os nosos dereitos.
Todas as persoas, teñamos a condición que teñamos, debemos vivir con dignidade
En España hai máis de 4 millóns de persoas con discapacidade e queremos que toda a sociedade escoite o que hoxe pedimos.
Reclamamos unha educación máis inclusiva, onde se respecten as diferenzas. Con centros que conten con persoal, recursos e apoios para todas as persoas.
Demandamos un apoio integral e real ás familias e persoas coidadoras.
Queremos que as administracións estean sempre ao lado das persoas que máis o necesitan e das entidades sociais, con financiamento e apoio permanente.
Necesitamos a garantía das administracións para unha sanidade e atención social de calidade.
Esiximos máis investigación e menos burocracia para as persoas con enfermidades raras ou aquelas que están pendentes dun diagnóstico.
Demandamos un sistema laboral que non exclúa e que ofreza oportunidades de futuro para todos.
Esiximos que se cumpra a normativa de accesibilidade, física e cognitiva, en todos os espazos, públicos e privados.
Debemos fomentar unha visión positiva e realista da discapacidade.
Rexeitamos calquera tipo de discriminación e estamos a favor dunha sociedade diversa e plural.
O mellor dunha sociedade é que todos somos diferentes, pero compartimos moitos bos desexos.
A ter traballo, parella, a estudar, a gozar dun concerto ou dunha película, a comer nun restaurante, a ir á praia, a ter amigos, a amar e ser amados, a ter familia, a ter a vida que realmente queremos.
Queremos gozar desa vida con total liberdade, que nos teñan en conta. Porque temos moito que aportar e moito que dicir.
Queremos seguir crecendo baixo este gran paraugas da diversidade.
Grazas por estar ao noso lado durante estes dez anos.
Co voso apoio seguiremos traballando por un futuro mellor e sen discriminacións.
Somos Xente 10. E xuntos, facemos unha sociedade de 10.
MOITAS GRAZAS!.