Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
Unha das accións que todas as entidades do movemento asociativo do Dano Cerebral impulsan con motivo do Día do DCA é a iluminación en azul de edificios e monumentos representativos de cada municipio. Un ano máis Concello e Xunta de Galicia deron visibilidade a esta discapacidade colaborando coa actividade e á que se sumaron concellos da área sanitaria. En Santiago ilumináronse o Pazo de Raxoi, a sede da Xunta de Galicia e a Cidade da Cultura.
Sarela celebra o Día do Dano Cerebral Adquirido reclamando rehabilitación especializada para todas as persoas con esta discapacidade. Recuperou, suspendidas o ano pasado pola pandemia, a andaina pola cidade vella de Santiago e a lectura pública do manifesto do movemento asociativo na Praza do Obradoiro. Persoas con DCA leron o manifesto no que se fai fincapé, entre outras prioridades, na necesidade garantir o acceso universal á rehabilitación especializada de todas as persoas e familias.
Este é o manifesto que as 46 entidades que forman parte de FEDACE (Federación Española de Daño Cerebral) leron simultaneamente hoxe, 26 de outubro, con motivo do Día do Dano Cerebral. Nel resúmense as principais reivindicacións do movemento asociativo e que este ano se centraron na reclamación dunha rehabilitación especializada para todas as persoas con DCA. Tamén podes lelo en versión de lectura fácil.
Esta é a versión en lectura fácil do manifesto do Día do Dano Cerebral 2021 que leva por título "As persoas con dano cerebral necesitamos rehabilitación especializada. Mañá podes ser ti".
Un ano máis, e van quince, Sarela celebra o martes 26 de outubro o Día do Dano Cerebral Adquirido. Este ano recuperamos como acto principal a andaina que percorrerá as rúas da cidade vella e que se suspendeu o ano pasado debido á situación sanitaria. Esa camiñada sairá desde a Alameda ás 11:00 horas até a Praza do Obradoiro. Alí, ás 12:00 h. persoas con DCA e familiares lerán o manifesto que recolle o sentir do movemento asociativo.
Sarela celebrou un ano máis, e van catorce, a conmemoración do Día do Dano Cerebral. A situación tan excepcional pola que pasamos obrigou a cancelar non só as actividades que se realizaban os últimos anos senón tamén as planificadas pola celebración do 20 aniversario de Sarela. A nosa asociación non faltou á lectura do manifesto que cada ano recolle a visión e demandas do movemento asociativo do Estado.
Máis de 400.000 persoas teñen Dano Cerebral en España. FEDACE (Federación Española de Daño Cerebral) agrupa desde hai 25 anos ás entidades que traballan na defensa e visibilización as persoas e familias con DCA. Este vídeo fíxose coa achega das 46 entidades que forman FEDACE en 2020 e fíxose público o 26 de outubro con motivo da celebración do Día do Dano Cerebral Adquirido.
Como todos os anos as entidades agrupadas en Fedace (Federación Española de Daño Cerebral) facemos público un manifesto con motivo do Día do Dano Cerebral coas principais demandas do movemento asociativo. Este ano, ao non poder facer a lectura pública na Praza do Obradoiro, fixemos un vídeo no que Miguel, María, Jose Ángel e Víctor, persoas usuariasdos servizos de Sarela, poñen voz ao Dano Cerebral.